O Concello de Allariz e Espazo BenComún renovan colaboración coa finalidade de proporcionar un servizo a persoas traballadoras independentes, autónomas e/ou micro-empresas que requiran dun espazo para desenvolver a súa actividade empresarial – un posto de traballo nun espazo de traballo compartido – en diferentes formatos, segundo a dispoñibilidade do espazo BenComún Coworking.
Asi o comunicaban esta mañá María López edil de promoción económica e Carlos Airas xerente do espazo. A través desta convocatoria regúlase o Programa de axudas do Concello de Allariz para o uso dun posto de traballo no espazo de traballo compartido BenComún Coworking, co obxecto de favorecer o nacemento, arranque e consolidación de novas empresas, a xeración e emprego e auto-emprego, e a dinamización económica do concello.
Serán beneficiarias finais do servizo subvencionado as persoas que sexan traballadoras independentes, autónomas ou micro-empresas, é dicir, calquera que sexa a súa forma xurídica-societaria.
O Programa de axudas para uso dun espazo de traballo compartido conta cun importe global máximo de 3120€ por parte do Concello de Allariz para a anualidade 2022.O Concello aportará así un 40% da mensualidade que sumada á axuda de Espazo Bencomún 50% fará que o usuario poda acadar o 90% do custe do servizo de coworking durante o período dun ano.
O servizo de coworking conta con diferentes modalidades e as persoas usuarias poderán facer uso dos diferentes servizos dos que dispoñen na actualidade.