O Concello de Allariz asinou, na mañá de hoxe, a renovación do acordo con Oca Vila de Allariz Hotel & SPA para favorecer o uso do Spa por parte das persoas empadroadas en Allariz.
A alcaldesa Cristina Cid xunto coa directora do hotel alaricano, Ana Lago, firmaron esta mañá a renovación do convenio que permite dispoñer ás persoas empadroadas en Allariz de prezos especiais no seu servizo de spa.
A rexedora municipal animaba a todas as persoas empadroadas en Allariz e que conten coa tarxeta cidadá, se acheguen a gozar destes servizos.
Estará en vigor ata o 31 de decembro de 2022, facilitando ás persoas empadroadas, que dispoñan de tarxeta de cidadanía, o acceso ao spa a un prezo máis vantaxoso: o acceso ao Circuíto Termal de domingo a venres que inclúe piscina activa de chorros, camas de oxixenación, colos de cisne, Jacuzzi, poza fría, saunas e fonte de xeo, aplicando a tarifa reducida: 9,50 € IVE incluído (exclúense sábados, festivos e mes de agosto) e técnicas termais en cabinas de domingo a venres: 20% desconto sobre o prezo de venta ao público (exclúense sábados, festivos e mes de agosto).
Para poder gozar deste servizo é preciso contactar co Oca Vila de Allariz Hotel & SPA para reservar cita previa (recoméndase, mínimo, 48 horas de antelación) e aportar o carné de cidadanía.
O Concello de Allariz, co obxectivo de incrementar a calidade de vida e benestar da cidadanía, desenvolve, dende hai anos, iniciativas referentes á prestación de servizos á veciñanza contando con instalacións deportivas e sociais así como instalacións comerciais e hostaleiras.