O Concello de Allariz continúa a avanzar no seu compromiso co medio ambiente e coa prevención de incendios forestais a través do Programa de Valorización da Biomasa e dos Residuos Orgánicos, unha iniciativa que aposta pola economía circular e pola xestión sostible doas areas de compostar e da biomasa vexetal do concello.

O proxecto, que conta co apoio dunha subvención do Fondo de Compensación Ambiental da Xunta de Galicia, ten como obxectivo incrementar a transformación da materia orgánica en compost e xestionar de forma eficiente a biomasa procedente de restos de poda, rozas e limpeza de zonas verdes, promovendo unha xestión máis sostible dos recursos naturais.

Esta mañá, a alcaldesa de Allariz, Cristina Cid, e o concelleiro de Medio Ambiente, Bernardo Varela, participaron na recepción dos novos equipamentos adquiridos para reforzar as tarefas ambientais do programa.

O material recibido inclúe un pequeno vehículo eléctrico de carga e un conxunto completo de ferramentas profesionais alimentadas por batería, como unha rozadoira, pértega de altura, aspirador de follas, motoserra e cortasetos, tanto en versión estándar como de altura. Ademais, o lote complétase cun cargador rápido con catro baterías e dous acumuladores adicionais, que permitirán optimizar o tempo de traballo e garantir unha maior autonomía.

Todo o equipamento é eléctrico e de baixo impacto ambiental, o que contribuirá a reducir emisións, ruído e consumo de combustibles fósiles, mellorando así a eficiencia e sostibilidade das tarefas de limpeza, rozadura e mantemento dos espazos naturais e das áreas para compostar.

O Concello de Allariz continúa a reforzar o seu modelo de xestión sostible, centrado na valorización da biomasa e dos residuos orgánicos, na protección do medio natural e na prevención dos incendios forestais, consolidando así a súa aposta por un territorio máis verde, limpo e respectuoso co entorno.