O Concello de Allariz ultima os preparativos para poñer en marcha as escolas municipais. Deportes, Cultura e Mocidade abren o prazo de inscrición para participar nas actividades de inverno que darán comezo no mes de outubro.
As aulas de pintura, música e movemento e linguaxe musical ademais da aprendizaxe en instrumentos como piano ou guitarra, e os máis tradicionais como gaita, pandeireta e percursión, prelinguaxe ou iniciación ao piano e iniciación á composición comezarán no vindeiro mes de outubro e para participar nelas é preciso inscribirse na Casa da Cultura de Allariz. (Teléfono 988 440 859 – cultura@allariz.com)
A área de deportes pon a disposición do público unha ampla variedade de actividades deportivas incluíndo fútbol e baloncesto, así como piragüismo, natación e equitación. Para os/as máis cativos/as organízase, como é habitual, a escola pre-polideportiva e as inscricións débense tramitar na piscina municipal, no teléfono 988 442 083 ou no correo electrónico piscina@allariz.com. No referente a fútbol, baloncesto e piragüismo, os nenos e nenas interesados/as deberán informarse e inscribirse no club correspondente.
A Casa da Mocidade súmase a esta oferta formativa con clases de batucada para nenos e nenas entre os 5 e 12 anos. Información e inscricións no teléfono 988 442 107 ou en radio@allariz.com