O Concello de Allariz a través da Concellería de Benestar Social, e ASEIA (Asociación para a Saúde emocional na Infancia e a Adolescencia), veñen de renovar ata o 31 de decembro de 2024 o convenio de colaboración para dar continuidade ó “Programa Alento para Atención de Adolescentes en Proceso de Inclusión Social”.

Este programa está dirixido a adolescentes que se atopan en dificultades no seu proceso de Inclusión Social e necesitan dun contexto no que recibir apoio e intervención profesional por parte de especialistas en adolescencia dos eidos da psicoloxía, a educación social e o traballo social.

Dende Alento proponse unha intervención interdisciplinaria que entende que no proceso de inclusión social dos adolescentes débese atender non só a aspectos educativos e laborais e de orientación académica, senón tamén a outros psicolóxicos e sociais. Para levar a cabo este traballo establécese un itinerario personalizado no que se favorece un proxecto de transición entre a adolescencia e a vida adulta, dotando aos/ás adolescentes, de recursos para xestionar a súa vida, a través dunha intervención especializada que ten en conta as súas necesidades reais como suxeitos dunha biografía problematizada, e como cidadáns/ás con aspiracións e dereito a un proceso de inclusión normalizador.

O programa conta con diferentes liñas de intervención:

– Inserción Socio-Laboral
– Apoio Psicolóxico Individual e Familiar
– Acompañamento Educativo – Terapéutico
– Mediación e Xestión de Conflitos

O Programa Alento estase a desenvolver por ASEIA en coordinación cos Servizos Sociais do Concello de Allariz dende o ano 2015 de xeito ininterrompido, a través das derivacións realizadas pola área de Educación Familiar.

O convenio contemplará a atención específica a adolescentes menores de 16 anos, ante a crecente demanda por problemáticas psicosociais a idades máis temperás.

O Programa Alento ASEIA e o de Educación familiar do Concello de Allariz, contan co financiamento da Consellería de Política Social da Xunta de Galicia a través do Fondo Social Europeo 2014-2022.