O Concello de Allariz renovou onte o convenio para a xestión das Escolas Deportivas Municipais de baloncesto e fútbol, garantindo a continuidade deste proxecto ata as categorías xuvenís. Este acordo reafirma o compromiso do Concello co fomento do deporte base, favorecendo o desenvolvemento integral da infancia e da mocidade do noso municipio.

A Escola Deportiva Municipai de baloncesto conta actualmente con 170 nenas e nenos inscritas e inscritos, desde as categorías de babybasket ata junior, mentres que a de fútbol suma un total de 140 mozas e mozos participantes, abarcando desde as primeiras categorías ata xuvenís. Estes datos reflicten o impacto positivo destas escolas na formación deportiva e social da mocidade alaricana.

A Alcaldesa de Allariz, Cristina Cid, subliñou a importancia desta renovación, destacando que “o deporte é unha ferramenta fundamental para o desenvolvemento persoal e social de nenas, nenos, mozas e mozos. Este acordo permite seguir ofrecendo espazos de aprendizaxe onde se fomentan valores como o compañeirismo, a disciplina e o traballo en equipo”.

O concelleiro de deportes, Carlos Puga, tamén salientou o compromiso do Concello por seguir mantendo e mellorando as instalacións deportivas municipais. Nos últimos anos, leváronse a cabo diversos investimentos en equipamento e melloras nas infraestruturas para garantir unhas condicións óptimas para a práctica deportiva. “Seguiremos apostando por manter e mellorar as instalacións para que as escolas deportivas continúen a ser un exemplo de calidade e apoio ao deporte base en Allariz”, afirmou Puga.

No acto de renovación do convenio estiveron presentes Lorena Barros en representación do Club Baloncesto Allariz e Francisco Alejandro Piñeiro polo Club Deportivo Allariz. Ambas as dúas representacións valoraron positivamente a renovación do acordo e destacaron o impacto das escolas deportivas na formación de novos talentos e na promoción de estilos de vida saudables entre a mocidade local.

Este convenio renova o compromiso do Concello de Allariz coas Escolas Deportivas Municipais consolidándose como unha ferramenta clave para a cohesión social e o desenvolvemento integral de nenas, nenos, mozas e mozos de Allariz.