Durante os meses de febreiro e marzo, a Área de Benestar Social do Concello de Allariz, a través da súa Educadora Familiar, retomará os Ciclos de Educación Sexual dirixidos ao alumnado de diferentes niveis educativos.
Esta iniciativa desenvolverase no CEIP Padre Feijoo, onde participará o alumnado de 6º de primaria, así como no IES de Allariz, incluíndo estudantes de 2º e 4º da ESO. O obxectivo principal destes ciclos é achegar a educación sexual a todas as idades, promovendo a convivencia e dando visibilidade á diversidade de maneiras de ser e estar na vida.
A educación sexual é unha ferramenta fundamental para garantir unha sociedade máis igualitaria e respectuosa, fomentando valores como a liberdade, o respecto e a aceptación das diferenzas. Con esta acción, o Concello de Allariz reafirma o seu compromiso coa educación e o benestar da infancia e mocidade do municipio.