As rúas de Allariz volveron a converterse, onte, en escenario da película A Lingua das bolboretas. Desta vez os protagonistas foron os alumnos e alumnas dos centros educativos participantes na semana cultural dedicada á película de José Luis Cuerda rodada en Allariz hai 20 anos.

O día comezaba cun roteiro teatral, guiado pola asociación Cultural Alonso de Paredes, no que participaron  estudantes dos institutos de Allariz,Cidade de Antioquía , IES Carlos Casares,  IES Blanco Amor, IES Ferro Couselo, Universidade Laboral, IES de Bande e IES Celanova, que representaron reflexións sobre temas da película.

Esta actividade, organizada polo IES de Allariz, formou parte do encontro entre centros no que participan alumnados e alumnas con dotes e talentos artísticos, ben na plástica, literatura, teatro, música ou calquera outra disciplina.

O escritor galego Manuel Rivas, autor do libro Que me queres amor? que inspirou a película, tamén participou na xornada, aparecendo de sorpresa no auditorio da Casa da Cultura, ateigado de alumnos que quedaron abraiados á súa entrada.

Pola tarde, Rivas, acompañado polo profesorado, representantes do Concello de Allariz de César Lorenzo, da editorial Aira das Letras, visitou Xunqueira de Ambía, outra das localizacións da película, achegouse ata o xardín “As bolboretas da memoria” deseñado polo alumnado de Allariz e participou nun encontro no espazo do Ben Común para falar do seu último libro e da súa traxectoria literaria en xeral.