O Festival Internacional de Xardíns de Allariz acollerá a xornada de divulgación sobre a importancia das abellas e dos polinizadores, pola que pasarán 300 nenos e nenas durante a mañá e pola tarde participará o público visitante dos xardíns, que poderán contemplar unha gran casa de polinizadores, colmeas de abellas e abellóns  e participar en interesantes obradoiros.

O 20 de maio foi declarado por Apimondia, Federación Internacional de Asociacións de Apicultura, o Día Mundial das Abellas e celebrarase ó mesmo tempo en diferentes países do mundo, co obxectivo de divulgar sobre a importancia das abellas e os beneficios que nos aportan.

Este ano AGA e o Concello de Allariz súmanse a esta iniciativa para dar visibilidade e sensibilizar sobre a importancia non só das abellas se non tamén do resto de polinizadores, grazas ós cales se mantén a biodiversidade e a produción de alimentos. Só en Europa, o 84% dos cultivos e o 80% das flores silvestres dependen da polinización dos insectos. O Festival Internacional de Xardíns de Allariz, que este ano se titula “Os xardíns do futuro”, será o entorno perfecto para falar da importancia dos polinizadores e do coidado do medio ambiente como garantía de futuro do planeta e dos seus habitantes.

Os xardíns acollerán as actividades programadas, que organizan conxuntamente AGA e o Concello de Allariz, e consistirán en varios obradoiros nos que os participantes vestirán o traxe abelleiro, poderán observar a presenza de abellas e abellóns polos xardíns, elaborarán casas de polinizadores para colocar en hortas e xardíns, candeas de cera de abella e aprenderán a importancia do mel nunha alimentación saudable.

Durante a mañá participarán 300 alumnos e alumnas do colexio de Allariz que, da man do equipo de monitores e monitoras de AGA e Concello, visitarán os xardíns e participarán dos obradoiros. Pola tarde a actividade estará aberta tamén ó público visitante dos xardíns.