O Festival Internacional de Xardíns de Allariz celebrou a apertura da súa décimo quinta edición o sábado 17 de maio ás 19:00h, nun acto que reuniu a paisaxistas, representantes institucionais, veciñanza e visitantes, marcando o inicio dunha nova tempada de innovación paisaxística e conciencia ambiental.

A inauguración abriu cunha vibrante actuación do grupo de cantareiras Ergutío, cuxa presenza resultou especialmente significativa ao coincidir co Día das Letras Galegas, este ano dedicado ás cantareiras, figuras clave na conservación da poesía oral galega.

Baixo o lema “Cambio climático, unha oportunidade para o xardín”, a XV edición do FIXA ofrece unha mirada renovada sobre a función dos espazos verdes fronte á crise climática. Das preto de 40 propostas recibidas, foron seleccionadas 9 creacións internacionais, ás que se suman o xardín elaborado polo CEIP Padre Feijoo de Allariz e os dous xardíns premiados na edición anterior.

Nesta edición participan proxectos procedentes de Las Palmas de Gran Canaria, Madrid, Ourense, Ecuador, Uruguai, México, Bolivia e Austria, consolidando o carácter global e transformador do festival.

O acto foi conducido pola xornalista Raquel Rosa, quen presentou os membros do xurado da presente edición, encabezado polo paisaxista portugués Francisco Caldeira Cabral. Completan o xurado representantes da Asociación Española de Paisajismo (AEP), da Asociación Galega de Empresas de Xardinería (AGAEXAR), da Universidade Politécnica de Madrid e do propio Concello de Allariz.

No acto interveu tamén o presidente da Deputación de Ourense, Luis Menor, destacando a importancia da colaboración institucional para dar vida a proxectos de proxección internacional como o FIXA.

Un dos momentos máis emotivos foi a entrega de diplomas aos equipos participantes, realizada polos propios membros do xurado, que recoñeceron así o esforzo e a calidade creativa dos proxectos seleccionados nesta XV edición.

A continuación procedeuse á entrega dos premios aos xardíns gañadores da edición anterior (2024):

  • Premio técnico (AEP): “Step Into a Work of Art”, do equipo The Gallerists (Viena), recollido por Ines Altrichter.

  • Premio popular: “El jardín al revés”, dos autores Manuel Amigo, Ane Txintxurreta e Selva Vallverdú, recollido por esta última.

A alcaldesa de Allariz, Cristina Cid, foi a encargada de pechar o acto, agradecendo a implicación de todas as persoas asistentes e destacando o valor que o Festival ten para a vila: como espazo de creación, dinamización económica, e mellora da calidade de vida da veciñanza a través da natureza e a arte.

Ao rematar o acto institucional, abríronse as portas do recinto para que todas as persoas puidesen visitar os xardíns da edición 2025. Durante o percorrido, adultos e cativos tiveron a oportunidade de participar en obradoiros e experimentos relacionados co cambio climático, convertendo a experiencia nun encontro lúdico e educativo.

Como colofón da xornada, ás 20:00h a Banda Unión Musical de Allariz ofreceu un concerto dentro do recinto, poñendo música á tarde e facendo da inauguración un evento completo, dinámico e participativo, que celebrou a natureza, a creatividade e o compromiso co medio ambiente.

O recinto poderá visitarse ata o 31 de outubro, e os visitantes poderán votar polo seu xardín favorito, contribuíndo así ao espírito participativo e vivo deste festival único no Estado.