O humor en curtametraxes será por cuarto ano consecutivo o protagonista en Allariz coa celebración da edición do Festival RIR entre os días 8 e 11 de setembro.

Zinemusik e Escena Sonora coa colaboración do Concello de Allariz e a Deputación de Ourense,  organizan o Festival Internacional de Curtametraxes de Comedia, un evento no que os espectadores poderán gozar da proxección dunha selección de curtas de humor procedentes de diferentes países, así como doutras actividades paralelas que incluirán espectáculos infantís, teatro de rúa, música e obradoiros.

O xurado xa está listo para valorar todas as curtas desta nova edición. Sheyla Fariña, Guillermo Carbajo e Norma Ruíz serán os encargados este ano de valorar as curtas a concurso. Un papel nada sinxelo aínda que si ben divertido o que terán estes profesionais da actuación. O público tamén participará como xurado, sendo responsable mediante votación de escoller outro dos gañadores.

Por outra banda, xa coñecemos o o premio especial RiR Contigo deste ano. A organización do Festival RiR acordou entregar este galardón a Xosé Antonio Touriñán. O actor e humorista galego recollerá o seu premio en Allariz a unha traxectoria cómica envexable. Atópase nun momento espectacular a nivel profesional e conta cunha proxección digna de admirar. Ten dúas series en en antena, un programa na 2 e está a arrasar coa película Cuñados.

Entre as novidades desta edición atopamos novas localizacións para algunhas das actividades, como pode ser a inclusión do salón de actos do albergue de Allariz, así como unha das salas do Hotel Oca Vila de Allariz, dado que pola boa acollida do evento, desta forma poderá terse unha maior capacidade de acollida de espectadores. O que se pretende é seguir ampliando os espazos nos que se realiza o Festival RiR para así poder impregnar coa súa esencia toda a vila.

Como en cada edición faise unha pequena retrospectiva na Fundación Vicente Risco, onde se poderán ver as obras do gordo e o fraco. Dedícase a unha personaxe do mundo da comedia que sentou precedentes.

Ademais do concurso de curtametraxes e da súa proxección que se levará a cabo na Casa da Cultura de Allariz, onde haberá estreas a nivel mundial e nacional, contaremos tamén con outras actividades que estarán especificadas na programación do Festival, entre as que se atopan espectáculos infantís, concertos de música, mesas redondas ou podcasts. Mañá farase pública a listaxe da selección oficial, que contará coa proxección dun total de 43 curtametraxes.

Durante toda a semana do festival haberá unha exposición permanente de David Calviño na Paneira. David é o deseñador do cartel desta edición e das dúas anteriores, ten tamén un selo que se chama PixelArt. Trátase de debuxos levados ó pixel en clave de comedia. As  actividades realizaranse  de forma paralela ás proxeccións, enriquecendo desta forma á propia existencia do festival.

Como sinalou Cristina Cid, alcaldesa do Concello de Allariz, o Festival RiR pretende achegar a cultura dunha forma amena, especialmente nestes tempos complicados. Con esta, e outras iniciativas levadas a cabo durante o mes de setembro, o que se pretende tamén e conseguir alongar a tempada turística despois dos mes de xullo e agosto, tendo isto tamén un impacto positivo tanto no sector comercial coma no hostaleiro. Luz Doporto, en representación da Deputación Provincial, sinalaba tamén como está a consolidarse o Festival RiR como algo propio de Allariz, que logrará superar, como fixo na edición pasada esta situación. Alberto Conde, concelleiro de cultura, apuntaba que grazas o excelente traballo por parte da organización, a programación que se presenta cada ano consegue sorprender en cada nova edición.

Óscar Doviso, director do festival e José Freiría, subdirector do festival, resaltaban o elevado compromiso por parte da Concellería de Cultura, e máis concretamente dos técnicos de Cultura do Concello de Allariz, e agradecían tamén o apoio do Concello de Allariz e Deputación. Ambos explicaron que o evento podería celebrarse en outros sitios, pero que escolleron Allariz pola súa xente, os seus visitantes e a súa beleza. Cada ano confirmábase que a súa escolla fora acertada, apuntaba o subdirector do Festival RiR. Dende o primeiro momento sentímonos acollidos e apoiados polo equipo de cultura. Tras catro anos, sinalaba, seguimos confirmado ó final do festival que a xente o pasa ben e que o festival e a súa programación cumpre as expectativas.

Tanto Cristina Cid coma os organizadores do Festival RiR, fixeron fincapé na seguridade destes eventos.   Como xa ocorreu na edición pasada, seguirase un protocolo sanitario segundo marcan as medidas do momento, garantindo así a seguridade de todas aquelas persoas que se acheguen a rir a Allariz.