O Festival Internacional de Xardíns de Allariz abriu as portas da súa oitava edición baixo o tema central de “Xardíns da Memoria”. Ata finais do mes de outubro poderase visitar o recinto que alberga 10 xardíns seleccionados entre máis de 40 propostas recibidas de todo o mundo. Amósanse, ademais, os xardíns do gañado do ano pasado e o xardín deseñado polos alumnos de educación infantil e primaria de Allariz.

 O Festival Internacional de Xardíns de Allariz (FIXA) converteuse nunha cita consolidada no programa paisaxístico español e referente pola súa particularidade: é  o único das súas características que se celebra en todo o Estado.

Cada ano, Allariz convoca este concurso ao que se presentan decenas de propostas chegadas de todo o mundo. Entre eles escóllense 10 que se exhiben e que compiten polos votos que outorgan os máis de 40.000 visitantes que pasan cada ano polo festival.

Francisco García, alcalde de Allariz, recordou durante a inauguración a importancia deste festival como “elemento de sensibilización cara o coidado do medio, poñendo en valor o paisaxismo e a xardinaría como motores que impulsan a economía local, o turismo verde e fomentan a dinamización social”. Ademais, o alcalde destacou o éxito que acadou esta iniciativa, con máis de 190.000 visitantes nas súas oito edicións, máis de 2000 paisaxistas e autores participantes, propostas de 20 países diferentes do mundo e unha recadación total que supera os 180.000 euros.

A VIII edición do FIXA ten por tema central a memoria e por iso moitos dos xardíns que participan recrean as conexións neuronais, o adn ou o propio cerebro, valéndose de plantas para facelo. Entre as propostas máis orixinais atópase un xardín suspendido por globos de helio ou un xardín formado por troncos abertos para asomarnos no seu interior e recordar como foron no pasado. Tamén destacan dous xardíns dedicados ás persoas con Alzheimer, nos que o xardín desenvolve unha representación espacial e visual do proceso de perda da memoria ou se ofrece como un espazo terapéutico.

Os xardíns deste ano coinciden en buscar espazos que nos permitan afondar na nosa memoria e nos leven a momentos e sensacións xa vividos como os xogos infantís nos parques.