Os concellos de Brión, A Pastoriza, Allariz e Soutomaior acolleron entre o 2 e o 5 de marzo as xuntanzas da Rede Municipalista Solidaria, conformada por persoal das administracións locais e provinciais integradas no Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade. Nestes encontros, a Secretaría Técnica da entidade fixo balance dos proxectos de desenvolvemento apoiados en países empobrecidos ao longo de 2019, así como das actividades implementadas polas deputacións e concellos socios para concienciar fronte as desigualdades. Ao tempo, preséntanse as accións para o ano en curso e a estratexia a medio prazo, recollendo as achegas das e dos participantes.

A sesión abríuse cun informe de situación da entidade, no novo contexto do mandato 2020-2023, para o que se están a elaborar as Liñas Estratéxicas, que o persoal municipal pode enriquecer coas súas propostas. A continuación, reparouse o plan de actividades do último exercicio, no que se asesorou aos concellos na implementación dos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible e as accións de educación para a cidadanía para chegar a milleiros de persoas en forma de exposicións, arte urbana, teatro ou música.

En canto aos proxectos de cooperación internacional, déuselle continuidade ás dúas iniciativas impulsadas en Mozambique, unha para previr doenzas e adiccións na mocidade a través do deporte e outra para garantir o abastecemento de auga nun municipio rural. Ademais, o Fondo Galego achegou axuda de emerxencia á vila mozambicana de Nhamatanda, que quedou devastada tras o paso do ciclón Idai.

En 2020 está previsto iniciar novos proxectos no país lusófono e abrir unha convocatoria de subvencións para ONGD. Así mesmo, continuarase coa captación de administracións socias, a concienciación de persoal político e técnico dos municipios e o programa de voluntariado internacional Vacacións con Traballo, entre outras actuacións.

O Fondo Galego
O Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade está integrado por 98 concellos, entre os que está Allariz,  e as deputacións de Pontevedra, A Coruña e Lugo, que concentran a través desta rede os seus esforzos no eido da cooperación ao desenvolvemento. Garántese deste xeito unha xestión profesional e transparente, así como a realización de proxectos con impacto nos países do Sur e a sensibilización da sociedade galega a prol da solidariedade internacional. Recoñecido como axencia municipal da cooperación galega, desde a súa fundación en 1997 o Fondo Galego ten desenvolvido máis de 150 proxectos en preto de 30 países e promove numerosas actividades e materiais en relación aos desequilibrios Norte-Sur.