O humor en curtametraxes será protagonista  na Casa de Cultura de Allariz a primeira semana de setembro, entre os días 5 e 9.  Zinemusk e EScenaSonora escolleron Allariz como escenario para o Festival Internacional de Curtametraxes de Comedia, Festival RIR, un evento no que os espectadores poderán gozar da proxección dunha selección de curtas de humor procedentes de diferentes países.

O certame especializado na comedia escolleu Allariz como sede debido a que, segundo explican os organizadores, “é unha vila acolledora e moi adecuada para poñer en marcha actividades ao aire libre e familiares, ademais de ser un municipio cultural e ben situado”.

Un total de 35 curtametraxes das 324 recibidas dende países ocmo Arxentina, Rusia, Estados Unidos, Paquistán, Irán ou Austria, entre outros, conforman a selección oficial do Festival RIR, e outras 15 obras, fóra de competición.  Dentro da sección oficial da competición outorgaranse seis categorías de galardóns. Destaca entre elas o premio do público para o que os organizadores desenvolveron unha aplicación móbil que lles permitirá aos espectadores votar os seus filmes favoritos a través do teléfono, sen esquecer a  posibilidade do sistema de votación tradicional.

A programación completarse con actividades paralelas que incluirán monólogos, teatro, danza e música de rúa, así como obradoiros, presentacións de libros de cine ou unha retrospectiva  de Charles Chaplin.