Corría o ano 1995 cando se inauguraba a “A Fábrica de Curtidos Familia Nogueiras, Museo do Coiro” restaurada pola Escola Taller Ziralla. A restauración da edificación do século XVIII foi grazas a posta en valor dos recursos patrimoniais e a recuperación das marxes do río Arnoia.
O edificio no que o Museo do Coiro abriu as súas portas fai 25 anos é un exemplo da importancia que tivo a curtición de peles en Allariz. Recuperado non so para uso museístico, senon que tamén para un uso de restauración, no ano 1995. Na zona dedicada a Museo, onde se localizan os pilos da curtición, amósanse as ferramentas empregadas neste oficio (coitelos de pelar, de escarnar, de aprimar, taboas, mesa de engrasar, lunetas, mazo, tenazas, aparello de rematar, etc.), o que permite comprender, xunto coas explicación que se ofrecen nos paneis, todo o proceso de curtición. No piso superior do edificio habilitouse un obradoiro onde un artesán traballa o coiro e un espazo cunha aula no que se desenvolven os cursos de artesanía organizados polo Museo.
Por motivo deste 25 aniversario, dende a Area de Cultura do Concello de Allariz están a facer un chamamento a toda a xente que conserve algún documento, fotografía, etc se poñan en contacto con eles, ou ben no teléfono 988 44 08 59, ou no correo electrónico museos@allariz.com , xa que están a preparar unha exposición sobre a curtiduría en Allariz.