O Nadal de Allariz segue incrementando a cifra de visitantes cada ano, a pesares das especiais circunstancias e das restricións. Segundo datos municipais, a afluencia de turistas que se achegaron ata Allariz e pasaron pola Oficina de Información Turística durante o Nadal, aumentou con respecto ao mesmo período do ano anterior pasando de 3600 en 2020 a 4700 en 2021 e , o que significa un incremento do 30,56%. A meirande parte destes visitantes proceden de Galicia, destacando os e as pontevedreses/as, en canto ao resto do Estado, Madrid e Castela -León son as comunidades a cabeza.

María López, concelleira de Turismo de Allariz móstrase satisfeita “Neste ano tan complicado Allariz segue mostrándose coma un destino forte e con moito que ofrecer”.

A ambientación de rúas con decorados sostibles así como a programación específica de Nadal, na que tiveron unha gran acollida as actividades para os máis pequenos coma os obradoiros e os espectáculos infantís, foron un importante reclamo para a veciñanza alaricana e visitantes.

Os hoteis de Allariz despediron o 2021 cun alto nivel de ocupación que acadou o 100% nas fins de semanas e festivos .A diferenciación da hostalería e comercio de Allariz constataron esta afluencia de visitantes.

Para a alcaldesa, Cristina Cid, “estes logros turísticos son froito indiscutible do bo traballo dos profesionais do sector comercial e hostaleiro e do esforzo conxunto que estamos realizando na oferta cultural e de promoción turística”.