O Nadal deixa en Allariz máis do dobre de visitantes que no mesmo período do pasado ano.  Segundo datos municipais, a afluencia de vturistas que se achegaron ata Allariz e pasaron pola oficina de información turística durante o Nadal, aumentou con respecto ao mesmo período do ano anterior pasando de 1371 visitantes en 2018 a 3205 en 2019, o que significa un incremento do 133%. A meirande parte destes visitantes proceden de Galicia (1834) destacando os e as pontevedreses/as e do resto do Estado máis de 1280 persoas (Castela León, Madrid, País Vasco e Castela A Mancha).

María López, concelleira de Turismo de Allariz móstrase satisfeita “estes resultados son froito do traballo en materia de turismo, comercio e cultura”.

A ambientación de rúas con decorados navideños sostibles así como a programación específica de Nadal, con cine, teatro e actividades para os máis pequenos, foron un importante reclamo e provocaron unha afluencia masiva de visitantes, destacando a fin de semana do 28 de decembro.

Os hoteis de Allariz despediron o 2019 cun alto nivel de actividade que supera con creces ao de calquera outro decembro.  A diferenciación da hostalería e comercio de Allariz constataron esta gran afluencia de visitantes e viven a súa mellor época  “comparándoa incluso con eventos de afluencia masiva  da localidade como a Festa do Boi”, apuntaban varios comerciantes da vila.

Para a alcaldesa, Cristina Cid, “estes logros turísticos son froito indiscutible do bo traballo dos profesionais do sector comercial e hostaleiro e do esforzo conxunto que estamos realizando na oferta cultural e de promoción turística”.