O orzamento municipal 2019 centra os seus esforzos na mellora da calidade de vida da veciñanza e na dinamización económica do territorio

O Concello de Allariz acolleu, esta mañá, a presentación do orzamento municipal para o vindeiro ano 2019, que será debatido en pleno o día 23 de novembro.

O orzamento municipal ascenderá a 6.207.000€ e centrará os seus esforzos na dinamización económica favorecedora da creación de emprego e na oferta dun capital social básico cun amplo abano de servizos públicos municipais de calidade que fan de Allariz un concello de referencia en equipamentos e servizos, o que permite seguir medrando en poboación.

Segundo explicaba a alcaldesa Cristina Cid “Este orzamento está realizado con criterios de prudencia e rigor pero que non impiden que o Concello poda seguir centrando os seus esforzos no proxecto municipal que persegue dous grandes obxectivos: incrementar a calidade de vida e os servizos dos que goza a poboación que segue medrando e incidir activamente na dinamización económica do territorio”,

O orzamento do vindeiro ano contempla varias inversións centradas na mellora da calidade de vida da poboación e neste senso “a poboación infantil merece especial atención”. Incrementaranse as infraestruturas de ocio coa mellora dos parques infantís actuais e a construción dun novo parque infantil de máis de 1000m2 parcialmente cuberto e un parque con elementos da natureza no monte do xardín, en colaboración cos centros de ensino e a través dun proceso participativo co alumnado. As piscinas exteriores do complexo de Vilanova tamén se ampliarán, pasando a duplicar a lámina actual de auga.

O Concello de Allariz ten realidades diferentes dentro do seu propio territorio. Por este motivo “é fundamental participar, apoiar, fomentar canta iniciativa, en relación coa incorporación de explotacións de gandería extensiva ou agricultura, podan establecerse no territorio”  Valorizar as superficies a agrarias e forestais abandonadas e que comecen a producir e a asentar poboación é o camiño para frear o deserto demográfico será un dos obxectivos do esforzo municipal,  polo que o orzamento 2019 aposta pola cría de bois nos montes de Penamá e Coedo e o apoio á produción local. Estas explotación veranse incrementadas coa posta en marcha de novas parcelas destinadas á agricultura ecolóxica con tracción animal no entorno do Ferradal e o Briñal. Tamén o Mercado da Reserva da Biosfera verá incrementados os servizos que se prestan coa incorporación dunha deshidratadora e dunha envasadora.Estas actuacións completaranse coa mellora das infraestruturas nas parroquias continuando co traballo dos últimos tres anos de mellora da capa de rodadura de moitas estradas continuando no 2019 coa inclusión das estradas restantes no Plan Marco de Camiños. Así mesmo, acometerase a pavimentación do interior en pobos que presentan necesidade de renovación ou mellora.

No eido medioambiental está prevista a dotación ao Programa RE dunha grúa que permita a recollida dos restos vexetais depositados nas illas para o seu astillado e mecanización que permitirá reducir os tempos empregados para este servizo e mellorar a xestión das illas situadas ao carón dos compostoiros.E a área de Promoción Económica manterá as bonificacións no ICIO para a ubicación de novas empresas no Parque Empresarial de Chorente e traballará activamente na posta en marcha de novas iniciativas empresarias a través da venda de parcelas ou do aluguer con dereito a compra. Ademais está prevista, dentro da liñas de subvención para Parques Empresariais, da mellora da capa de rodadura no vial principal, que xunto coa execución do entronque coa estrada de Santa Mariña por parte da Deputación, mellorarán sustancialmente esta zona empresarial.

Outro piar fundamental de dinamización económica ten que ver co calendario de eventos que dende o Concello se executa anualmente. “A Semana Santa ao Vivo, OCR, Feira de Outono, Arte de Man, Feira de Productos Apícolas, Xornadas de Carne de Boi, Festa do Boi, San Bieito, Empanada, Encontros de Cestería, Samaín, Poemagosto, Nadal, programación de verán, roteiros culturais teatralizados… son exemplo da intensa actividade socioeconómica que se realiza e permite manter un constantes fluxo de visitantes, pero tamén unha intensa programación para veciños e veciñas.”

Santa Mariña de Augas Santas seguirá incrementando o seu papel como segundo núcleo turístico municipal, capaz de xerar riqueza cultural pero tamén económica. O novo convenio asinado coa universidade de Vigo permitirá continuar co programa de escavacións nos xacementos de Armeá e San Salvador. O Festival Internacional de Xardíns na súa décima edición seguirá reforzando esa capacidade de atracción ao mesmo tempo que sitúa Allariz como referente do paisaxismo e da xardinería.

No 2019 continuarán sendo vitais os programas de política social que se desenvolven dende a área de benestar e igualmente as políticas de igualdade, tanto no traballo directo coas mulleres, como nas accións destinadas á poboación en xeral e centros de ensino en particular. En materia de loita contra a violencia de xénero o Concello de Allariz, continuará coa atención a mulleres vítimas da violencia machista e tamén co programa Doulas Sororas, que permite formar a persoas que podan acompañar ás vítimas. Así mesmo, a través do convenio asinado co INCISEX programarase formación para o persoal municipal de cara a dotar de ferramentas para a resolución das casuísticas e conflitos que poidan xurdir no día a día.

“O orzamento 2019  está pensado para que Allariz continúe na senda de crecemento no social e no económico e en definitiva para que as persoas teñan maior calidade de vida, maior benestar e posibilidades asentar o seu proxecto de vida no municipio” resumía a alcaldesa, Cristina Cid.

 

2018-12-12T17:25:14+00:00jueves, 15/11/2018|ACTUAIS, ADMINISTRACIÓN, NOVAS ALLARIZ|
X