O Concello de Allariz acolleu, esta mañá, a presentación do orzamento municipal para o vindeiro ano 2021, que será debatido en pleno mañá 26 de novembro.

Este orzamento, que ascende a 6.018.260€, está realizado con criterios de prudencia e rigor, tendo en conta a situación actual, centrando os esforzos en reforzar o benestar da veciñanza e a dinamización económica.  A prudencia , o rigor e a incerteza que provoca a situación actual, teñen reflexo no orzamento para o próximo exercicio, cunha minoración con respecto ao 2020 dun 5.28%.

Segundo explicaba a alcaldesa Cristina Cid “estamos nun escenario que obriga a reforzar os servizos municipais fundamentais, facendo fincapé na dinamización económica,  a calidade de vida e benestar da veciñanza, eixes importantes dentro dos obxectivos municipais”.

Estas contas posibilitarán a través da súa execución, os dous grandes obxectivos que teñen feito posible un Allariz que medra cada ano en actividade económica e poboación: calidade de vida e servizos á poboación e dinamización económica, asumindo a administración local o papel de axente dinamizador, maís necesario, se cabe, na situación actual.

No que ten que ver con Política Social, aínda que a lexislación mantén as competencias na Administración Autonómica, o Concello manterá a maiores dos Servizos Sociais Básicos, os programas de envellecemento activo,  de terapia ocupacional, acompañamento ás persoas maiores de todo o termo municipal, etc. Por suposto, programas importantes como o de Axuda a Domicilio ou Xantar sobre Rodas están contemplados tamén no orzamento. De igual modo, existe nas contas unha partida que permita afrontar emerxencias sociais, o que garante que ao igual que en exercicios anteriores podan atenderse gastos básicos.

Un apartado especial merecen as políticas de igualdade,  nas que o Concello ten sido pioneiro, ademais de contar con recoñecementos importantes. O exercicio 2021 contempla a posibilidade do traballo telemático ca posta en marcha da Plataforma pola Convivencia.  O traballo cos centros de ensino, ten permitido chegar a poboación máis nova, apostando desta forma polo futuro.

O orzamento contempla o mantemento dos servizos destinados á poboación xeral, que aportan esa calidade de vida tan importante para seguir crecendo. Sen embargo, a incerteza da situación actual, obrigará a ir adaptando servizos e protocolos á realidade cambiante, procurando, si fora necesario ofrecer una alternativa que permita o mantemento dos servizos. Piscina Climatizada, Cidade Deportiva do Seixo, Pavillón Municipal, Escola Infantil, Transporte Municipal, Escolas Deportivas e

Culturais, programación festiva e de ocio, Casa de Cultura, Casa da Mocidade, Fogar dos Maiores,  etc son bos exemplos desta política, que con todas as precaucións seguirán funcionando.

A pesar de que o curso escolar presencial rematara antes do previsto, e polo tanto os traballos do Consello de Nenos e Nenas non puideran concluírse, este orzamento contempla a execución das obras no Monte do Xardín, para o que xa se ideou un novo sistema de participación dos escolares que permita rematar o traballo.

Xunto coa adecuación deste espazo, preténdese continuar na mellora dos Parques Infantís. No ano en curso, rematouse o parque infantil cuberto e reformouse completamente o parque do Portovello. No exercicio 2021 acometerase a reforma do parque de Vilanova.

No que ten que ver coa mellora de infraestruturas básicas, este orzamento contempla disposición orzamentarias para a cometer un plan de asfaltado por importe de 126.000 euros. No que ten que ver coa mellora do alumeado público, para reducir as luminarias de vapor de sodio a led, e mellorar así a eficiencia enerxética e a redución do gasto nesta materia, está prevista unha inversión de 60.000 euros.

Coa brigada municipal de obras, fundamentalmente, acometerase o arranxo e mellora de varios locais sociais, nomeadamente a ampliación do local social de San Mamede.

Hai que destacar dentro das actuacións medioambientais, e a pesar do inusual ano en curso, hai os excelentes resultados acadados polo Programa RE, volvendo a incrementar con respecto ao exercicio anterior a porcentaxe de residuos nas diferentes fraccións.  Allariz, está por encima da media no que ten que ver coa recollida das fraccións de plásticos, papel e cartón, así como materia orgánica. A pandemia do coronavirus supuxo que os cambios previstos para o exercicio en curso, non foran executados, polo que será no  exercicio 2021 cando se proceda a  reestruturar, reordenar e  ampliar  as  illas de compostaxe existentes cun orzamento de 34.000€.

O Goberno Central deu traslado na última reunión de Reservas da Biosfera a súa intención de habilitar unha liña de axudas para diferentes actuacións, sen embargo no exercicio 2020 non se materializaron,  polo que este orzamento soamente  contempla a previsión de ingreso por parte da Xunta de Galicia, así como a achega  que o  Concello de Allariz debe realizar á Asociación da Reserva da Biosfera Área de Allariz.

Dentro das actuación de dinamización económica, volverá a xogar un papel fundamental o Festival Internacional de Xardíns. A XI edición non puido rematase, quedando os xardíns en diferentes fases de execución. No 2021 remataranse as obras iniciadas, motivo polo calo se contempla una cantidade inferior no cadro de inversión.. Esta iniciativa, xunto co resto dos espazos verdes, conseguiron que Allariz fora galardoada, por terceiro ano consecutivo, con catro flores na iniciativa Vilas en Flor.

Si a situación de pandemia o permite, é intención do goberno municipal manter  o calendario de eventos,  que dende o Concello se executa cada ano, para a dinamización económica do noso comercio e hostalería, pero tamén para o goce dos nosos veciños e veciñas. Os máis recentes, Samaín e Nadal, únense a unha longa lista de eventos culturais, económicos, deportivos, que atraen miles de visitantes.

No que ten que ver coas escavacións de Armea, o Concello de Allariz e a Consellería de Cultura asinaron un Convenio de Colaboración para a execución das escavacións de Armea. Está prevista nos orzamentos a renovación do convenio e polo tanto a continuidade dunhas escavacións que contribúen a coñecer o noso pasado ao mesmo tempo que reforzan o atractivo  de Santa Mariña de Augas Santas e de Allariz, converténdose no segundo foco turístico de municipio.

Nesta mesma liña, e cunha metodoloxía de traballo similar, a través dun convenio co Escola de Belas Artes, acometerase a restauración da obra de Agustín Ibarrola no Ecoespacio do Rexo.

En definitiva, nun ano incerto, Cristina Cid  presentou “un orzamento realista, pensado para garantir a pervivencia do importante capital social co que conta Allariz, pero tamén coa certidume de que debemos manter un equilibrio entre a prudencia sanitaria e a  dinamización económica do noso municipio, conscientes da importancia que hoxe  máis que nunca ten a calidade de vida, tan necesaria para a saúde física e a mental, pero coñecedores tamén da afectación económica de sectores económicos ten importantes en Allariz, como aqueles ligados ao turismo. En resumen, un orzamento pensado para que Allariz continúe na senda de crecemento no social e económico, en definitiva para que as persoas teñan maior calidade de vida, maior benestar e posibilidades para asentar o seu proxecto de vida no municipio.