O Concello de Allariz acolleu, esta mañá, a presentación do orzamento municipal para o vindeiro ano 2022, que será debatido en pleno hoxe 24 de novembro no pleno extraordinario que se celebrará ás 20:00h.

Este orzamento, que ascende a 6.277.347€, está realizado con criterios de prudencia e rigor, tendo en conta o resultado da Conta Xeral do exercicio 2019, 2020 e o estado de execución do ano en curso, segundo nos explicou Cristina Cid alcaldesa de Allariz. Sen embargo dese estar presente á hora de estudar a liquidación do 2020 a excepcionalidade da pandemia e a afectación ás contas públicas.

Estas contas, sen embargo, apenas incorporan ingresos dos Fondos Next Generation, ao considerar que non existe información veraz e fiable sobre a posibilidade de que unha parte deses fondos poda ser xestionado polas entidades locais.

Allariz tren chegado a un nivel de equipamentos e de prestacións de servizos nos últimos anos elevado. Ao mesmo tempo, a xestión dos equipamentos e a prestación destes servizos realízase pola administración, motivo polo cal é necesario destinar o 75.2% do orzamentos aos capítulos 1,2,3 e 4 de gastos.

Ao mesmo tempo que se garante o mantemento dos servizos, e necesario realizar inversións na mellora dos equipamentos e infraestruturas existentes, pero tamén dotar ao municipio de novos recursos, sempre na dirección de incrementar o benestar das nosas veciñas e veciños.

O equilibrio entre a calidade de vida e a dinamización económica, segue sendo un obxectivo irrenunciable. Da dinamización económica depende boa parte da calidade de vida da que desfrutamos, e o papel que o Concello de Allariz ten xogado ao longo dos anos ten sido decisivo para crear o escenario no que podan desenvolverse esas actividades económicas.

Dentro dos equilibrio a manter, tamén debe estar presente o territorial, porque a distribución poboacional da actualidade é moi diferente da existente hai trinta anos. O proceso de despoboamento da práctica totalidade dos núcleos, a excepción da Vila e das zonas perimetrais, obriga a facer un esforzo por garantir a prestación dos servizos, obrigando a destinar máis recursos para facelo posible.

Pero non pode falarse de desenvolvemento económico, nin de calidade de vida si esta non vai acompañada dunha garantía para aquelas persoas que atravesan unha situación máis vulnerable.

Por este motivo, o Concello de Allariz, destinará no orzamento de 2022, máis de medio millón de euros a política social, aínda que as competencias neste apartado son autonómicas, o concello asumirá con recursos propios.

Con este compromiso o Concello manterá a maiores dos Servizos Sociais Básicos, os programas de envellecemento activo, de terapia ocupacional, acompañamento ás persoas maiores de todo o termo municipal, etc. Por suposto, programas importantes como o de Axuda a Domicilio ou Xantar sobre Rodas están contemplados tamén no orzamento. De igual modo, existe nas contas unha partida que permita afrontar emerxencias sociais, o que garante que ao igual que en exercicios anteriores podan atenderse gastos básicos tales como luz, auga, alimentos….

Dentro da política social municipal prestase unha especial atención ás políticas de igualdade, motivo polo cal a situación actual é moi diferente da de anos atrás. Non soamente creceron os servizos que se prestan, senón que hai unha importante evolución na sensibilización e concienciación en xeral da sociedade de Allariz, pero sobre todo, pode verse esa evolución nas mulleres de máis de 60 anos. Para conseguilo, ten sigo decisivo o papel do persoal municipal especializado, pero tamén o da totalidade da Área de Benestar Social. Durante o 2022 seguirán a Mesa de traballo contra a Violencia machista, a atención a mulleres maltratadas, o programa Doulas Sororas e demais accións de acompañamento ás vítimas de violencia machista.

O orzamento contempla o mantemento dos servizos destinados á poboación xeral, que aportan esa calidade de vida tan importante para seguir crecendo, polo que Piscina Climatizada, Cidade Deportiva do Seixo, Pavillón Municipal, Escola Infantil, Transporte Municipal, Escolas Deportivas e Culturais, programación festiva e de ocio, Casa de Cultura, Casa da Mocidade, Fogar dos Maiores, etc, aínda con todas as precaucións terán un funcionamento máis normalizado que no ano 2021, xa que as diferentes olas da pandemia obrigaron a modificar en varios períodos o seu funcionamento.

Neste apartado de equipamentos e servizos á poboación, está prevista a renovación do céspede artificial da Cidade Deportiva do Seixo, por un importe de 171.000€, e para o que existe un financiamento comprometido pola Secretaría Xeral para o Deporte e da Deputación Provincial.

No 2021 executouse a 1ª fase da adecuación do Monte do Xardín, quedando para este exercicio o remate do mesmo e o acondicionamento da parte destinada a hortos urbanos.

Nos últimos dous anos o esforzo na renovación dos parques infantís é notable. Allariz conta cun novo parque infantil cuberto, e ten renovados completamente o parque do Portovello e o de Vilanova, aos que seguirán neste exercicio o parque Tras San Bieito, e o da rúa 25 de Xullo.

É necesario continuar co Plan de asfaltado, xa que a pesar de levar invertidos no entorno do medio millón de euros nos último anos, entre o Plan Marco de Camiños, o Plan Provincial e o Plan Municipal, aínda queda un importante esforzo que facer para seguir mellorando as nosas estradas, motivo polo que se incrementa a partida destinada a esta finalidade.

Os arranxos, melloras ou rehabilitación de airas, camiños, fontes, lavadoiros, fornos ou locais socias, tamén están contemplados nestes orzamentos. Neste sumatorio de actuacións é importante destacar as obras de mellora do local social de Meire, dado o destacado aumento de poboación que ten experimentado este núcleo.

Igualmente está previsto seguir avanzando no cambio de luminarias a led, polo que están contemplados 50.000 euros de recursos propios, que deberían verse incrementados si ás convocatorias de subvencións anunciadas, finalmente se materializan.

Dentro das actuacións medioambientais, o mais destacado no tocante a inversións, será a compra dun tractor ou similar de pequenas dimensións, que permita realizar desbroces en camiños nos que ata o momento so é posible realizar estes traballos de forma manual.

Dentro das actuación medioambientais tamén está prevista unha mellora e acondicionamento na ruta que bordea o rio polas dúas marxes,e que incluirá sinalización e información sobre flora e fauna.

Mención especial merece a actuación prevista no Ecoespacio do Rexo, despois de que no exercicio 2021 se realizara o proxecto de restauración do Ecoespacio, que posibilitará realizar os traballos de recuperación da obra pictórica de Agustín Ibarrola.

Non está contemplada máis que unha partida de 30.000 euros para actuacións no marco da Reserva da Biosfera, por un criterio de prudencia. A pesar de que segundo o acordo co Ministerio e probable que estes fondos se incrementen, non se coñece a contía, xa que posiblemente se acceda a eles a través de concorrencia competitiva. A cantidade fixa por Reserva, acordada polo Ministerio, a proposta do Consello de Xestores, farase efectiva a través da Asociación da Reserva, motivo polo cal non se contempla nestes orzamentos.

Está contemplado tamén nos orzamentos, a recuperación da totalidade das actuacións habituais dentro do calendario de eventos, tan necesarios para a dinamización económica do noso comercio e hostalería, pero tamén para o goce dos nosos veciños e veciñas.

O incremento experimentado polo turismo de autocaravanas, lévanos a considerar necesaria a adecuación dunha Area, que permita unha mellor ordenación deste tipo de turismo.

No que ten que ver coas escavacións de Armea, o Concello de Allariz e a Consellería de Cultura teñen asinado un Convenio de Colaboración para a execución destas escavacións. Contémplase a renovación do convenio e polo tanto a continuidade das escavacións. A importancia do Conxunto de Santa Mariña de Augas Santas e Armea, e dos traballos realizados estes anos para desenterrar o noso pasado, fan necesario contar cun Plan de Xestión de todo o conxunto, que deberá estar operativo antes do mes de maio de 2022.

Dentro da área de Promoción Económica, manteremos as bonificacións no ICIO para a localización de novas empresas no Parque Empresarial de Chorente, a rebaixa no prezo do solo empresarial para a primeira compra e incorporaremos un novo incentivo consistente no incremento da rebaixa para as ampliacións de empresas xa asentadas no Parque. No tocante ás melloras, está prevista a solicitude dentro da liñas de subvención para Parques Empresariais, da mellora da capa de rodadura nos viais secundarios que quedaron fora do proxecto executado no 2020 e 2021.

No exercicio 2022 tamén será o ano do inicio dos traballos de adaptación do Plan Especial do Casco Histórico. Tal e como se contempla no convenio asinado coa Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, a anualidade correspondente ascende a 75.000 euros, tal e como figura no anexo de inversións.

En definitiva, Cristina Cid presentaba un orzamento rigoroso e realista, coa vista posta no mantemento dos estándares de benestar social actuais, pero tamén na expectativa dunha cada vez máis normalizada vida, que permita seguir avanzando na recuperación económica.