O pleno da corporación municipal, que se reunirá mañá ás 20:00h, tratará na sesión ordinaria a adhesión do Concello ao convenio de colaboración coa Axencia Tributaria de Galicia en materia de recadación en vía executiva, así como a aprobación da conta xeral correspondente á execución do orzamento do 2018.

A corporación debaterá, ademais, varias mocións, entre elas unha do BNG solicitando á Deputación Provincial a execución dos compromisos adquiridos co Concello de Allariz como un segundo campo de fútbol no Seixo, camiños escolares na estrada de Xunqueira ou a axuda comprometida para o Festival Internacional de Xardíns. O PP propón unha moción de divulgación, xestión e tramitación das axudas e subvencións para as Áreas de Rehabilitación Integral de Allariz e o PSOE, pola súa parte, presenta dúas mocións , unha sobre a fenda dixital en Allariz e outra sobre o comezo do curso escolar co que ten que ver cos recortes en educación.