O Centro de Educación ambiental o Rexo, en Allariz,  foi o escenario escollido polo Centro para a Reprodución de Especies Ameazadas, CREA, Félix Rodríguez de la Fuente para a presentación do proxecto de conservación de patrimonio vexetal ibérico ameazado cuxos obxectivos pasan por asegurar a viabilidade natural, a persistencia espacial, a difusión científica e a variabilidade xenérica de dúas especies con maior grao de ameaza da flora, como son a marsilea quadrifolia (fento acuático con forma de trébol de catro follas) e o quercus lusitánica (carballo enano) . Esta é a finalidade que persegue dende hai catro anos o CREA co apoio económico da Fundación Banco Santander.

O Ecoespazo do Rexo alberga unha charca ambiental na que foi introducida con éxito a marsilea e este foi o lugar escollido para a presentación dos resultados do proxecto liderado polo equipo de Antonio Estévez, director do centro ourensán, e os profesores Manuel Pimentel, Elvira Sahuquillo e Emilio Carral.“Ourense é un oasis destas dúas especies e agora toca estender o paraíso”explicaba Estévez quen traballa para replicar os excelentes resultados obtidos a outros lugares. Ademais en Allariz, onde a marsilea mantense de xeito óptimo dende hai dous anos, mostran o interese por recibir mostras vivas para a súa introdución diferentes entidades madrileñas e andaluzas, ademais do Centro de Investigación Forestal de Lourizán.

O traballo desenvolvido ata o de agora, segundo explican dende a Fundación Banco Santader, incluíu medidas de xestión destinadas á protección das poboacións naturais existentes, pero especialmente ao estudo e cultivo de ambas especies no centro ourensán.