O VI Festival Internacional de Poesía de Allariz, Poemagosto, convocará entre os días 11 e 13 de outubro máis dunha ducia de artistas, entre poetas e músicas.  Este evento, organizado pola Fundación Vicente Risco e o Concello de Allariz, é o máis destacado das súas características na provincia de Ourense e é un dos poucos festivais internacionais aos que se pode asistir en Galicia.

“O Poemagosto chega á súa sexta edición asentado entre non só o pobo de Allariz senón entre todos e todas as amantes da poesía”, indicou Carlos Da Aira, director do festival, durante a presentación da edición do 2019. “Desde hai tres anos este é un festival internacional, o que nos permite recibir voces chegadas da República Dominicana, Cabo Verde e Portugal, amais de poetas de Catalunya, Salamanca e, por suposto, de Galicia”, subliñou.

En efecto, en Allariz estarán os poetas Rui Spranger, portugués, Dolors Miquel, catalá, Mercedes González Blesa e Raúl de Tapia, de Salamanca, Vera Cruz, caboverdiana, Rosa Silverio, dominicana, e as galegas María Lado, Lucía Aldao, Lois Pérez, Claudio Rodríguez Fer e Montserrat Villar. Durante o festival, asemade, haberá unha nova edición do concruso de Poesía  Recitada  e varios momentos de “Micro Aberto”.

“Amais de poesía, queremos que o Poemagosto sexa unha festa, unha celebración na que a música teña moita importancia”, sinalou Da Aira. “Tamén as actividades familiares”. Por iso durante as tres xornadas do festival haberá actos musicais e outros pensados para o gozo de toda a familia. O grupo galego Habelas Hainas dará un concerto o sábado, 12, á noite. A entrada anticipada custa 5 euros. Esa é a única actividade artística de pagamento. As actuacións de La Sincereza Pinchacumbias, Xúa Pandereteiras, Brigada Sound-Sapoconcho sem Poncho e Ukelerria serán de balde.

Para as familias, o Poemagosto ofrece a actuación de Duende Circo, un obradoiro poético-artístico coa ilustradora Lidia Nokonoko e un contacontos con Uxía Morán.

“É para nós un orgullo que o Poemagosto estea na vangarda dos festivais culturais”, destacou na presentación do festival a alcaldesa de Allariz, Cristina Cid. “A cultura ten que considerarse non só un ben en si mesmo senón tamén un estimulante da actividade económica.

Allariz demostra ano a ano que se poden ofrecer moitas actividades, con imaxinación e esforzo, para que desfruten tanto veciñas como visitantes”.

Unha das características que fan especial o Poemagosto é a implicación da sociedade civil de Allariz na organización do evento. Moitas empresas da vila patrocinan ou colaboran dalgún xeito en que ano a ano esta cita se consolide como a gran fin de semana da poesía en Galicia.

 

Toda a información en poemagosto.wordpress.com