Adolfo Fernández, vicedecano da Facultade de Historia do campus de Ourense e director das escavacións na ‘cibdá’ de Armea xunto con Cristina Cid, alcaldesa de Allariz visitaron o xacemento na mañá de hoxe na compaña de María del Carmen Martínez, directora xeral de Patrimonio Cultural da Xunta de Galicia; Roberto Pena, xefe de servizo da Área de Arqueoloxía da Xunta de Galicia; Ricardo Bendaña, director de área do campus de Ourense, María Teresa Barge como representante da Deputación de Ourense e o delegado territorial da Xunta de Galicia Gabriel Alén.

Durante a visita institucional á ‘cibdá’ de Armea conversaron sobre os resultados da XII campaña arqueolóxica de escavacións realizada este verán neste enclave polo Grupo de Estudos de Arqueoloxía, Antigüidade e Territorio (GEAAT) da Universidade de Vigo.

Entre as novidades desta campaña Adolfo salientou a aparición dunha nova casa de dúas plantas, cun patio de pedra. Ademais a vivenda conta cunha estrutura central toda de pedra con columnas de piares cadrados que se atoparon durante a escavación xunto cos capiteis.

Outras das novidades desta campaña de 2023 foi a aparición dunha edificación circular, castrexa pre-romana na parte baixa da Atalaia, segundo nos explicou Adolfo.

As escavacións cumpren este ano XII edicións, na que tanto a Universidade de Vigo como o Concello de Allariz teñen apostado polo potencial deste xacemento.

Cristina Cid, alcaldesa de Allariz, agradecía a colaboración tanto da Xunta de Galicia coma da Deputación Provincial nun proxecto tan importante como é o de Santa Mariña. Segundo palabras da alcaldesa en Santa Mariña de Augas Santas se cumpren dous obxectivos importantes. O primeiro é conseguir desenterrar o pasado para entender mellor onde estamos, como chegamos á actualidade sendo conscientes da historia, do noso pasado, da nosa memoria histórica. O segundo obxectivo que se cumpre é que todo este patrimonio que se está a desenterrar sirva para dinamizar unha zona tan importante coma esta. Estase a conseguir que un recurso tan importante axude a asentar poboación en núcleos que a estaban a perder, poñendo en valor o patrimonio.

Adolfo Fernández resaltaba a importancia da colaboración das distintas institucións e agradecía a confianza posta no GEAAT no proxecto de Armea.

O director da escavación tamén destacou que Armea convértese en cada campaña nun centro de formación para os estudantes de arqueoloxía que cada verán se achegan a escavar.

María del Carmen Martínez, directora xeral de Patrimonio Cultural da Xunta de Galicia, resaltou a importancia das actuacións como estas, a importancia de poñer en valor o patrimonio cultural dende as institucións , que permitan que xeracións vindeiras comproben, coñezan as culturas que nos precederon.

Por outra banda, María Teresa Barge, como representante da Deputación de Ourense, manifestou a satisfacción por parte da institución que representa por formar parte deste proxecto de recuperación da historia de Armea.

A campaña deste 2023 foi froito dun convenio de colaboración existente entre a Universidade de Vigo e o Concello de Allariz e contou co apoio da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural da Consellaría de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades da Xunta de Galicia e a Deputación de Ourense.