O colexio e o instituto de Allariz acollen hoxe a campaña No seu Lugar de prevención e control das especies exóticas invasoras nas Reservas de Biosfera de Galicia promovida polo Centro de Extensión Universitaria e Divulgación ambiental de Galicia.

Durante esta mañá o alumnado asistirá a unha charla divulgativa sobre a Reserva da Biosfera e a problemática das especies exóticas invasoras e tamén participará no xogo “No seu lugar” no que se revisarán de xeito divertido os conceptos explicados na charla. A actividade rematará cun debate-reflexión dinamizado polo educador.

O obxectivo desta actividade pasa por dar a coñecer aos mozos e mozas da localidade o concepto de reserva e a súa vinculación co territorio ademais de centrarse nas especies invasoras e os seus efectos.  As charlas tratan de favorecer a comprensión dos problemas ambientais, económicos e sanitarios que causan as especies exóticas invasoras e divulgar e sensibilizar sobre o impacto na biodiversidade e na sociedade.