A.N.D.R.E.A. (Asociación Nacional para a Defensa, Recuperación e Estudo Terapéutico da Especie Asnal) é unha entidade sen ánimo de lucro que leva anos traballando polo benestar dos burros, acollendo, rehabilitando e buscando novos usos destes entrañables “amigos de grandes orellas”.

A Asociación emprega como “mediadores terapéuticos” aos burros abandonados e en ocasións cruelmente maltratados logo de ser rehabilitados no noso Centro de Acollida de Burros Abandonados e/ou maltratados. Ademais conta tamén con algúns exemplares de razas en estado crítico de conservación e en serio risco de extinción como os exemplares da raza das “Encartaciones”, unha das razas de asnos máis ameazada do mundo segundo un recente informe da FAO. Todos eles forman o equipo de mediadores que axudan ás persoas en desvantaxe física, psíquica e/ou social a gozar de maior calidade de vida, non só como un proceso de rehabilitación senón tamén de prevención, mediante a interacción mediada por un terapeuta, entre o animal e o paciente.

Despois de traballar en diferentes países da Unión Europea con colectivos en desvantaxe e de acumular máis de dezaseis anos de experiencia no despacho clínico privado, o equipo profesional da Asociación A.N.D.R.E.A. realizou o seu maior descubrimento: a importancia e capacidade de restablecer o equilibrio das persoas, no seu sentido máis amplo, a través dos entornos. Dende sempre sóubose, ou intuíuse, que a separación do ser humano dos seus ámbitos naturais e das súas linguaxes, é dicir o compendio de estímulos sensoriais existentes nel, foi un factor de predisposición de diferentes trastornos psicolóxicos e físicos.

Esta experiencia revelounos que paralelamente ao despacho clínico necesitabamos trasladar a clínica a espazos naturais con estímulos naturais, onde os animais nos facilitarían sen dúbida este traballo e potenciarían máis os beneficios da terapia. O animal chega a onde nós en moitas ocasións non podemos e a súa interacción co paciente é clave para o propio proceso terapéutico, ademais dunha enorme fonte de información que nunca conseguiriamos nun despacho.

Os ámbitos naturais e os animais como facilitadores terapéuticos son a clave para unha intervención integral das persoas con necesidades especiais.

Mozos con Síndrome de Down, nenos diagnosticados de hiperactividade, adultos e maiores coa enfermidade de Alzheimer ou outras demencias, persoas con trastornos psiquiátricos crónicos ou con parálise cerebral, mozos e nenos con trastornos do espectro autista, son, entre outros, algúns dos colectivos que se benefician da Terapia asistida con burros. Os resultados son excelentes e invítannos a ser optimistas e a presaxiar un enfoque psicolóxico máis integrador da persoa, onde se traballe, terapeuticamente falando, con estímulos sensoriais que chegan dos entornos e onde os ámbitos naturais, e os animais como facilitadores, poden ser a clave.

Nos nosos programas de Terapia Asistida con burros a mediación co animal defínese como unha estratexia terapéutica fundamentada na presenza da neuroplasticidade cerebral. Para o noso traballo terapéutico este concepto é básico. Trátase da capacidade que teñen as neuronas de adaptación funcional, de ampliar as súas conexións sinápticas para enriquecer a súa actividade. Outro concepto fundamental do noso traballo de intervención terapéutica non farmacolóxica é o da estimulación, entendida como un conxunto de estímulos xerados pola neuropsicoloxía intervencionista con finalidade rehabilitadora, dirixidas a manter e mesmo mellorar as capacidades das persoas.

Dende esta base deséñanse diferentes actividades que se realizan tanto dentro da aula coma ao aire libre, como por exemplo os percorridos de psicomotricidade e estimulación sensorial especialmente deseñados polo equipo multidisciplinar de A.N.D.R.E.A., nas que persoas con discapacidade melloran a un nivel integral.

É importante sinalar que este programa non busca unha estimulación desorganizada, senón que se trata dunha estimulación axeitada e o máis individualizada posible. E especialmente a estimulación que proporcionan os animais é filoxenéticamente axeitada para o noso cerebro, polo que nunca correremos o risco dunha sobreestimulación, o que sería daniño para a persoa.