Allariz está chea de historia, cultura e encanto. Grazas aos Roteiros Temáticos foi fascinante lembrar, descubrir e recordar o tesouro que temos , gozando dunha oportunidade que sorprendeu a todas as persoas que participaron.

A actividade dos Roteiros Temáticos percorreron diferentes puntos e temáticas da historia de Allariz, desde as súa orixe ata a actualidade. A través desta inciativa puidemos coñecer os segredos e as lendas alaricanas, curiosidades como as da rodaxe da Lingua das Bolboretas , tempos de guerra, historias de mulleres, o Castelo e moito máis.

Os Roteiros Temáticos dividíronse en 7 temáticas, levándose a cabo en 10 datas, os terceiros sábados de cada mes. A primeira foi sábado 18 de marzo e a última o pasado 16 de decembro. Para participar bastaba acudir á oficina de información previa inscrición en información@allariz.gal; sendo unha actividade de balde ata completar a capacidade durante toda a tempada.

Máis de 330 persoas descubriron fermosos recunchos, interesantes curiosidades e anécdotas dende o punto de vista dun tema en particular. Estes roteiros foron unha iniciativa do Concello de Allariz a través da área de Turismo, para achegar o noso patrimonio material e inmaterial a veciñanza e as persoas que nos visitaron. A empresa local, Xeitura patrimonio Scooperativa, foi a encargada de executar cada sábado esta actividade, unha iniciativa que tivo unha gran acollida, completando sempre a súa capacidade.

María López concelleira de Turismo, considera que “é primordial coñecer o noso patrimonio para coidalo e divulgalo e niso debemos traballar as administracións, achegando á cidadanía este coñecemento para desfrute de todas as persoas, sobre todo das xeracións máis novas”.