Na mañá de hoxe, a Alcaldesa de Allariz Cristina Cid, daba conta dos plans municipais de dotación dos espazos infantís. Allariz segue mantendo unha evolución ascendente en canto a poboación nos últimos 30 anos, incrementando o padrón de habitantes pola base. Na actualidade, o Concello conta cunha poboación infantil  ao redor de 600 nenos e nenas.

Este primeiro trimestre de 2021 trouxo a Allariz un novo espazo e a remodelación de outro.

O parque da rúa Casa Lomberte é o primeiro parque cuberto de Allariz. Cunha superficie de 850m2 e un investimento de 80.000€, dos cales 33.000€ foron subvencionados pola Xunta de Galicia e o resto fondos propios do Concello, este parque inaugurouse fai un mes e medio para que os nenos e nenas gocen dunha nova zona de lecer. O parque cuberto obtivo unha gran acollida entre a veciñanza e entre as crianzas!

Tamén quedaba nas últimas semanas, á disposición da cidadanía, o parque do Portovello que sufriu unha renovación integra de todo o seu mobiliario e mantemento da zona na que está localizado, a beira do río Arnoia. As actuacións acometidas foron a reparación daqueles elementos danados e a substitución dos que estaban en mal estado, así como o pintado dos distintos aparellos e o recheo posterior da area. Unha renovación integral nos seus 370m2  cun investimento municipal de 15.000€ que dende fai uns días poden utilizar todas as crianzas que se acheguen ao recinto.

O Concello de Allariz comezou nos pasados días tamén, os traballos na seguinte zona lúdica infantil programada, o parque de Vilanova. Situado nun espazo privilexiado, sufrirá a renovación completa do seu mobiliario e será ampliado con 100m2  máis de superficie , chegando aos 700m2 cun investimento de 30.000€. A Alcaldesa de Allariz adiantaba que as obras de este espazo rematarán este mes para a súa posterior apertura.

Cristina Cid falou tamén da adecuación dun novo espazo de xogo, a Praza de Modesto Seara. Este espazo albergará, segundo nos adiantaba, unha zona para xogos tradicionais.

Por outra banda tamén , seguen avanzando os traballos do proxecto técnico do Monte O Xardín, que pretende levarse a cabo nesta anualidade. Un espazo que se adecuará para que a cidadanía de Allariz poda gozar dun espazo innovador de esparexemento do que ata o momento non hai ningún exemplo na vila, xa que se trata da recuperación dun espazo natural como é un monte integrado moi preto das outras zonas infantís.

Nos parques situados nas zonas de San Bieito e do Centro Médico acometeranse melloras na seguinte fase de melloras.

Unhas intervencións para as que os responsables municipais piden a comprensión e cooperación por parte dos seus potenciais usuarios, non fai falla recordar que é necesario que se respecten as restricións de aforos nos parques.