A intervención pictórica do Ecoespazo de O Rexo, realizada polo escultor e pintor Agustín Ibarrola foi inaugurada o 23 de xuño de 1999. Tras 22 anos da súa apertura e debido ó deterioro que o paso do tempo está causando sobre a creación do artista, o Concello de Allariz acaba de asinar un convenio de colaboración coa Escola Superior de Conservación e Restauración de Bens Culturais de Galicia. O obxectivo deste acordo é analizar e documentar o estado de conservación da obra realizada polo artista vasco.

No acto de presentación deste proxecto que tivo lugar no día de hoxe, estiveron presentes a Alcaldesa do Concello de Allariz, Cristina Cid; a Vicedirectora da Escola Superior de Conservación de Bens Culturais de Galicia e directora do proxecto, Andrea Fernández; a Concelleira de Turismo e Promoción Económica de Allariz, María López e o Concelleiro de Cultura de Allariz, Alberto Conde.

Cristina Cid afirmaba a importancia de levar a cabo unha restauración para non perder a obra artística levada a cabo sobre as árbores e as pedras do Ecoespazo de O Rexo. Para realizar estas tarefas de mantemento é preciso executar un traballo previo de documentación e análise. Esta tarefa será a que desenvolverá a Escola Superior de Conservación e Restauración de Bens Culturais. 9 estudantes e 4 profesores do centro serán os encargados de realizar un estudo pormenorizado do estado de cada unha das obras realizadas sobre 71 rochas e 14 árbores. Para isto, valeranse do traballo de fin de estudos dunha da súas ex estudantes onde se analiza o estado de conservación xeral das creacións. O obxectivo é deixar constancia de como se atopa a pintura neste momento, cales son as súas características actuais, as técnicas empregadas, que tipo de pintura se utilizou e determinar o seu grao de conservación, do mesmo xeito que se faría cun cadro nun museo. O resultado final deste traballo de campo será entregado ó Concello de Allariz e á familia Ibarrola.

Segundo apuntou a Alcaldesa do Concello de Allariz, a familia Ibarrola deu todas as autorizacións precisas para poder realizar as tarefas de mantemento. Esta segunda fase será realizada unha vez se teña feito o traballo previo de análise e documentación sobre o estado da creación do artista biscaino. O propósito é ter feita a intervención de forma que o verán que vén a obra xa estea restaurada e quen o desexe poida gozar máis aínda deste máxico espazo ó que o propio Agustín Ibarrola denominou como o proxecto da súa vida.