Allariz acolle un ano máis o Mercado de Artesanía, Arte de Man. Máis dunha vintena de artesás, tanto locais coma do resto da comunidade, estarán dando mostra do seu traballo o domingo 10 de setembro en Allariz.
Este ano 2023, Arte de Man volve ao entorno de Santo Estevo dentro do casco histórico de Allariz . A cita, reunirá a artesás galegos/as en horario ininterrompido de 11:00h a 20:00h.
Arte de Man ofertará exposición e venda de distintas disciplinas artesás, tradicionais e innovadoras, como son a cerámica, pintura, debuxo, escultura, xoiería e bixutería, téxtil, coiro e madeira, entre outros. O mercado contará cun completo programa de actividades xa que poderemos desfrutar de demostracións ao vivo de cerámica e pintura. Durante a xornada dominical, todos aqueles nenos e nenas ou adultos, poderán asistir a dous obradoiros, un pola mañá con Lorena de Xogo de Fíos e outro pola tarde de trenzado de palla de centeo. O aforo será limitado, segundo orde de chegada.
Ademais durante a xornada de mercado contaremos con música en directo de 17:00h ás 20:00h, que fará que achegarse a Allariz sexa un bo plan de domingo.
Durante a presentación, María López concelleira de Promoción Económica, resaltaba que “a artesanía forma parte da nosa identidade e do noso patrimonio cultural e tamén artístico. Arte de Man é sempre unha oportunidade para por en valor e dar a coñecer aos nosos artesáns e artesás, e diferenciarnos cun produto creado seguindo as pautas tradicionais pero innovando no deseño”.