Hoxe pola mañá, Cristina Cid e María López, alcaldesa de Allariz e concelleira de Promoción Económica, Comercio e Turismo presentaban a programación desta nova edición.

Cristina Cid resaltaba “a importancia que ten a Semana Santa ao Vivo para Allariz, dando a entrada a tempada turística. A relevancia de eventos coma este, culturais e de lecer para a veciñanza, para a súa calidade de vida, que a súa vez axudan tamén a manter esa dinamización económica tan importante para a economía local axudando a todas esas persoas que se adican ao sector comercial en Allariz”.

A música ao vivo terá, como é habitual, un protagonismo especial na programación da Semana Santa ao Vivo en Allariz, como nos explicou a concelleira de Promoción Económica María López.

Dende o 6 e ata o 9 de abril, o casco histórico encherase de ritmo grazas ás actuacións de rúa de: Ainhoa Martínez, Amorodo, Antón Ke, Arigmagritte e Flocos de Millo, Braava!, Denís, Eric LePeich, Et Suseia Tradicional, Díaz, Minguante, Os Dous Porquinhos e Roger de Flor e Pedro Montilla. Dende o xoves ao domingo tanto veciños e veciñas como os/as visitantes a Allariz poderán gozar destas actuacións en horario de 12.00 a 14.00 y de 18.00 a 20.00 horas.

María López explicounos que este ano haberá dous días de programación infantil. O venres 7 e o sábado 8 haberá en horario de mañá e de tarde actividades para que asistan as familias. O venres será a quenda do Mago Deiimi, que actuará ás 11:30h na Praza do Matadoiro. Pola tarde a actuación será ás 17:00h na Praza de Abaixo. O sábado será a quenda de Bandullo Azul, contacontos que estará no mesmo horario e localizacións que o venres o Mago. Serán ás 11:30h na Praza do Matadoiro e ás 17:00h na Praza de Abaixo.

O xoves 6 de abril haberá un roteiro teatralizado que leva por título “Quen levou as pedras do Castelo? Terá prazas limitadas polo que as persoas que queiran asistir deberán inscribirse previamente no correo turismo@xeitura.com . Esta actividade comezará ás 17:00h dende a Oficina de Información Turística.

A Semana Santa ao Vivo en Allariz, que agarda unha alta ocupación, inclúe na súa programación varios mercados de artesanía e gastronomía.

O patio do Museo do Coiro acollerá, como é habitual, dende o xoves ata o domingo, o Mercadiño de Artesanía no que participan artesáns de Allariz. Unha representación de artistas exporán as súas obras feitas en coiro, cerámica ou pedra, entre outros.

O Mercado da Reserva da Biosfera ampliará o seu horario e abrirá o venres e sábado de 10:00h a 14:00h. As persoas visitantes ademais de mercar os produtos da reserva da biosfera, como o queixo do Rexo, o pan artesán, leite ecolóxica, mel, hortalizas ou produtos elaborados con castañas, poderán degustar, de xeito gratuíto, pratos elaborados con estes produtos.

Ademais destas actividades as visitas guiadas e os roteiros tamén serán unha boa opción para estes días de lecer. Haberá visitas guiadas ao casco histórico o xoves e venres, e un roteiro en Santa Mariña de Augas Santas e Armea, durante as mañás dende o 3 ata o 9 de abril, o cal poderás contratar en turismo@xeitura.com

O Rexo tamén ofertará visitas guiadas a granxa, a queixería e ao ecoespazo en horario de mañás e de tardes. Podes consultar a dispoñibilidade das visitas na súa páxina web www.orexo.gal