O Concello de Allariz a través da Concellería de Benestar Social e ASEIA (Asociación para a Saúde emocional na Infancia e a Adolescencia), veñen de renovar o convenio de colaboración para dar continuidade ó “Programa de Atención Comunitaria a adolescentes con trastornos mentais graves en situación de vulnerabilidade social”.

Este programa está dirixido a adolescentes que se atopan en dificultades situación de vulnerabilidade e que o seu proceso de desenvolvemento integral se ve afectado pola presenza de factores de risco nos diferentes eidos biolóxico, psicolóxico e social, e necesitan dun contexto no que recibir apoio e intervención profesional por parte de especialistas en adolescencia dos eidos da psicoloxía, a educación social e o traballo social.

O programa ALENTO presenta unha programación que intenta cubrir as necesidades dos mozos e mozas, a través dunha intervención individualizada, dende unha perspectiva individual, grupal, familiar e sociocomunitaria. O programa consta de 4 áreas de intervención: apoio psicolóxico, un servizo de acompañamento educativo-terapéutico, un servizo de mediación e xestión de conflitos e un servizo de inserción socio-laboral.

O Programa Alento estase a desenvolver por ASEIA en coordinación cos Servizos Sociais do Concello de Allariz dende o ano 2015 de xeito ininterrompido, a través das derivacións realizadas pola área de Educación Familiar.

O convenio contemplará a atención específica a adolescentes menores de 16 anos ante a crecente demanda por problemáticas psicosociais a idades máis temperás.