Como cidadáns, individualmente, e como sociedade, colectivamente, cómpre que tomemos conciencia das repercusións que teñen a produción e xestión dos nosos residuos, e como podemos mellorar este proceso para garantir a súa sustentabilidade. Cambiar a visión do colector do lixo como a “caixa máxica” onde desaparecen os residuos, coñecendo as fases e implicacións da xestión dos mesmos, supón o primeiro chanzo. Tomar decisións de mellora, o segundo.

A problemática dos residuos vai vinculada ao desenvolvemento da sociedade moderna, debido á cantidade e á calidade do lixo xerados. O rápido crecemento demográfico, a concentración da poboación nos núcleos urbanos e o emprego de materiais de rápido deterioro, non retornables e non degradables son os factores que orixinan dita problemática. Habitualmente estes residuos elimináronse por vertedura, o cal implicou distintos problemas como son o deterioro da paisaxe, os cheiros molestos pola fermentación dos orgánicos, a polución de augas superficiais e subterráneas, a polución atmosférica ou incendios entre outros.

É obvio que a mellora do noso modelo de xestión pasa pola posta en marcha dos principios básicos dunha xestión sustentable e que xa veñen contemplados na Directiva Marco de Residuos 2008/98/CE: reducir, reempregar e reciclar. En cambio, o modelo SOGAMA ven apostando pola eliminación de residuos mediante incineración e vertedura co gallo da valoración enerxética, o cal bate coa xerarquía de prioridades establecida na Directiva Marco. No ano 2009 máis da metade dos residuos xestionados por este modelo tiveron o vertedoiro como destino. Como administración local e como cidadáns temos a obriga de cambiar un modelo de xestión que fomenta o desperdicio dos recursos pola baixa taxa de reciclaxe e reaproveitamento, que ten un altísimo custe en transporte e que non oferta unha solución específica á fracción máis importante da bolsa do lixo, a materia orgánica, entre outras cuestións. O Servizo RE nace co obxectivo de contribuír a paliar eses problemas, baseándose na mellora da recollida selectiva por parte de todos os produtores e na implantación dun sistema de compostaxe para a fracción orgánica. Con estas dúas liñas principais poderíase reaproveitar e reciclar ata un 80% dos residuos producidos.

É claro que o éxito do programa vai requirir da concienciación e participación de todos nós, pero as vantaxes que isto vai aportar ben pagan a pena. Diminuír a cantidade de residuos que enviamos dende Allariz ao complexo de SOGAMA en Cerceda axudará a reducir a problemática ambiental do seu tratamento coas técnicas actuais. En segundo lugar, a redución dese volume de residuos implicaría un importante aforro na factura do lixo que SOGAMA pasa ao Concello mensualmente, o cal se traduciría nunha conxelación do recibo durante cinco anos. E finalmente, este novo sistema tería unha serie de beneficios á poboación, como son os da creación de postos de traballo asociados á xestión do lixo, a obtención dun abono e substrato de excelente calidade para labores de horta ou xardinería, a maior comodidade para as persoas que opten por un composteiro individual ou a recuperación das antigas esterqueiras no rural.