Teñamos a Festa en Paz! Este é o lema da Festa do boi 2019. Baixo este berro a Asociación Cultural Xan de Arzúa, organizadora da Festa, xunto coa área de Igualdade do Concello de Allariz, perseguen unha festa libre de violencias e en convivencia.

A convivencia entendida como un espazo común para o encontros das persoas, coa necesidade de establecer pontes para o entendemento entre as persoas diversas. Segundo explican dende a asociación “esta boa convivencia, característica principal en todas as edicións da Festa, fai posible que despois de décadas, se manteña máis viva ca nunca”.

O lema trae consigo, ademais, a posta en marcha de ferramentas persoais que, a través dunha existencia amable, impliquen boa convivencia. Allariz exclúe as violencias dos seus eventos e rexeita firmemente os comportamentos machistas e os que traen consigo algún tipo de violencia.

A convivencia sen violencia é unha das principais características da Festa do boi, onde o ben común prevalece ás peculiaridades individuais e onde se unen esforzos para que a festa sexa festa. A poboación de Allariz únese neste evento participando voluntariamente na súa organización: máis de cen persoas colaboran nos traballos previos ao evento, máis de seiscentos veciños e veciñas conviven na procesión medieval e máis de dous mil comparten espazo na cea popular. A boa convivencia, sen incidencias, é tónica habitual durante os nove días da Festa.

Teñamos a Festa en Paz reivindica a capacidade de todos e todas para facer un esforzo polo común, pola festa, pola FESTA DO BOI!