Allariz celebra, do 4 ao 6 de marzo, a tradicional Festa do Entroido, tres días de festa para todas as idades.

O luns inaugurase o Entroido en Allariz coa festa infantil, a partir das 17:30h no pavillón do Instituto. Haberá animación, música con Dj e actuación da batucada infantil. Pola noite, ás 21:30h, terá lugar unha nova edición da Cachuchada que organiza a Asociación Cultural Xan de Arzúa. A Batucada alaricana Axóuxere será a encargada de amenizar a festa. Para participar é preciso acudir disfrazado e adquirir o tíquet, de 10 euros (gratis para os menores de 8 anos) nos establecementos colaboradores.

O martes de Entroido, o desfile de comparsas sairá, se o tempo acompaña, ás 17:30h dende a Estrada de Xunqueira (fronte aos Salesianos), amenizada pola charanga Castro Bello de Ourense. Ao rematar haberá baile cun Dj.

O mércores terá lugar o Pranto de Entroido. Ás 20:00h comeza a queima do meco despois do paseo dende a Praza Maior ata o Campo dos Brancos, onde se recitarán as coplas satíricas propias da xornada.

 

Concurso de Comparsas 

Ata o día 1 de marzo está aberto o prazo de inscrición das comparsas, para participar no desfile. A orixinalidade, a elaboración, a escenificación do disfrace e o acompañamento musical son os aspectos que o xurado valorará nas comparsas inscritas.

As comparsas (a partir de 10 compoñentes) poderán optar aos seguintes premios: 200€, 150€, 100€ e 50€ para os catro primeiros clasificados.

Información e inscrición: Casa da Cultura 988 440 859; cultura@allariz.com