Un biólogo alaricano elabora un catálogo micolóxico da Reserva da Biosfera “Área de Allariz” no que destaca 165 especies diferentes.

Mauro Rivas, veciño de Allariz, presentou, no 2018, como  Traballo Fin de Grao, un catálogo micolóxico referente ao territorio da Reserva da biosfera Área de Allariz, conformado polos Concellos de Allariz, A Bola, Rairiz de Veiga e Vilar de Santos. Froito deste traballo, realizado baixo a dirección da Doutora da Universidade de Vigo Marisa Castro Cerceda e co que conseguiu matrícula de honra, Mauro publica na revista _Mykes_, do Grupo Micolóxico Galego, un artigo sobre os cogomelos recollidos en Allariz que son citados por primeira vez en Ourense e/ou Galicia.

O traballo  permitiu identificar en campo 149 especies diferentes de macromicetos, que xunto ás 16 xa identificadas en bibliografía fan que no territorio da RB Área de Allariz estean identificadas 165 especies micolóxicas diferentes. Delas, 49 especies foron identificadas por primeira vez na provincia de Ourense e destas, 11 foron por primeira vez citadas en Galicia.

Este estudo, segundo explica Bernardo Varela, xestor da Reserva da Biosfera e concelleiro de medio ambiente no concello de Allariz, “referenda a importancia da biodiversidade que ten un territorio polo que á Reserva da biosfera gustaríalle contar con colaboración doutros departamentos universitarios para a elaboración de estudos amplos sobre as plantas e animais que habitan este espazo protexido”

Para a identificación particular de parte dos exemplares foi preciso realizar análises filoxenéticas (secuenciar o ADN das setas). Este proceso levouse adiante no Naturalis Biodiversity Center nos Paises Baixos dentro dunha estancia como Erasmus do autor que salienta que “a información obtida sobre os exemplares e  as especies diferentes recollidas excederon con moito as expectativas.”