A partir do 16 de decembro de 2022 Allariz percorre o mundo cunha nova cancelación para a correspondencia que saia da oficina postal da Allariz, sempre que leve selo postal.

A iniciativa correu a cargo da Fundación Vicente Risco e foi apoiada pola Sociedade Filatélica, Numismática e Vitolfílica Miño, a Federación Galega de Sociedades Filatélicas (FEGASOFI) e o Concello de Allariz.

A presentación oficial realizouse hoxe 20 de decembro de 2022 ás 12:30h na sucursal de Correos en Allariz situada na Travesía Alfredo Nan nº 8. Contou coa presenza da Alcaldesa de Allariz, Cristina Cid Fernández, o Vicepresidente e o Secretario da Fundación Vicente Risco, Antonio Blanco Rodríguez e Xosé Rodríguez Díaz; María Elisa Abad Suárez e Marta Verde Rodríguez, en representación da Sociedade Filatélica Miño e de FEGASOFI e Evaristo Borrajo Iglesias, director da oficina de Correos en Allariz.

A Alcaldesa de Allariz, Cristina Cid salientaba a relevancia desta iniciativa que fará que o nome de Allariz continúe a viaxar polo mundo.

O deseño do cuño -que se reproduce- componse de:

  • O guerreiro dá Cibdá de Armea achado no castro romano homónimo.

  • O debuxo do Castelo de Allariz feito por Vicente Risco.

  • O boi como símbolo da emblemática Festa do Boi.

  • O anagrama do Festival Internacional de Xardíns de Allariz.

Como novidade Correos tamén realizou unha tarxeta postal personalizada de Allariz. A autora da imaxe que mostra unha paisaxe coa Ponte de Vilanova ao fondo é Carmen Blanco Sueiro.

Esta tarxeta xa está dispoñible desde o luns 12 de decembro e pódese adquirir na páxina de Correos.

https://filatelia.correos.es/es/es/rincon-correos/filatelia/productos/tarjetas-prefranqueadas/otras-tarjetas/2022/allariz