Sarra Hamroun, de 16 anos de idade, chegou onte a Allariz, dende Túnez, onde convivirá coa familia de Lucía Xiao Quintairos Barbosa, a súa irmá galega. Cursará os estudos de primeiro de bacharelato no IES de Allariz asistindo ás clases como o resto de estudantes ata xuño de 2020.

Durante o vindeiro curso, Galicia será fogar de 12 mozos e mozas procedentes de Alemaña, Dinamarca, Estados Unidos, Polonia, Serbia, Tailandia e Túnez. E Allariz será un dos municipios galegos nos que unha familia acolle a unha moza tunecina durante o próximo ano. Estes mozos e mozas convivirán con familias anfitrioas que decidiron abrir a súa casa ao mundo e participar no programa de convivencia intercultural promovido por AFS Intercultura, unha organización internacional de educación que busca o entendemento entre culturas, así como a superación de estereotipos e prexuízos .

“Convivir cun/cunha estudante internacional é outra forma de viaxar, de coñecer mundo e outras realidade sen saír da casa con engadido da estrutura coa que veñen dotados estes programas: desenvolvemento de obxectivos educativos específicos tanto para a familia como para o estudante, como orientacións, encontros e actividades que facilitan a adaptación por ambas partes e permiten sacar o maior beneficio da participación”, apuntan dende a organización.

A experiencia de Carmen Quintairos na participación destes programas vén de lonxe e sinala que “convivir cunha persoa doutro país convértese nunha oportunidade de enriquecemento cultural, de aprendizaxe de novos valores e habilidades para todos os membros do núcleo familiar”.

En Allariz non é esta a primeira experiencia similar. O acollemento de mozos e mozas procedentes doutros países ten tamén a súa bagaxe grazas a familias que decidiron e deciden compartir e enriquecer a súa vida coa participación de diversos programas de acollemento, principalmente de nenos e nenas procedentes do Sahara.