“Ven airear!” é un espazo para o crecemento persoal e para a convivencia, un lugar no que compartir estratexias de afrontamento en momentos difíciles e no que intercambiar recursos para o manexo das nosas emocións. Esta é a nova proposta da área de Benestar Social do Concello de Allariz.
En situacións excepcionais de gran incerteza a colectividade, a conexión coas outras, o sentimento de pertenza, sentirse acompañada e o intercambio de saberes é clave para o manexo do medo e da ansiedade, segundo nos explica Beatriz Pérez a técnica de igualdade.
Con esta nova oferta queren achegar nocións para entender estes e outros posibles estados emocionais, identificalos e probar prácticas sinxelas para a autorregulación emocional. Un espazo para o autocoidado consciente e amable.
Esta actividade é aberta a toda a poboación que queira participar. Relizarase dúas veces ao mes, os mércores cada 15 días, das 16.30h ás 18:00h.
Comeza o mércores 9 de febreiro no Fogar dos Maiores en Allariz.
Se tes interese en participar ou precisas máis información podes chamar ao 988 554 0591 ou enviar un correo a igualdade@allariz.gal
Lembra que o aforo é limitado, polo que é imprescindible a inscrición previa.