Esta mañá presentábase a campaña de nadal “O peto dos desexos” de Allariz. Este é o lema da campaña que o Concello de Allariz xunto con comercio e hostalería desenvolverán, un ano máis, para incentivar as compras locais durante a época de Nadal.

A iniciativa “O Peto dos Desexos” sorteará 2 premios de 250 euros e 5 de 100 € entre os clientes do comercio e hostalería da localidade que deberán xuntar tíquets de compra ata alcanzar un valor de 30 euros.

Todas as persoas que queiran participar poderán facelo dende o 2 de decembro e ata 6 de xaneiro, ámbolos dos incluídos. Os comprobantes de compra serán depositalos xunto coa tarxeta dos desexos nun dos Petos que estarán situados no Alto do Portelo e na entrada da Alameda.

O vindeiro 9 de xaneiro sortearanse 1000 € en premios nun acto público que terá lugar ás 11:00h diante do Peto dos Desexos (no Alto do Portelo). Máis información e bases do Peto dos Desexos en www.allariz.gal/nadal

Cristina Cid Alcaldesa de Allariz e María López Concelleira de Comercio lembran que mercar en Allariz sempre ten premio, porque ademais de dinamizar a economía local, estamos axudando aos nosas veciñas e xerando emprego. É a nosa responsabilidade mercar de xeito responsable e a nosa implicación é vital para que o sector salga adiante.

Estas campañas súmanse a campaña de decoración de nadal de Allariz que pretende dinamizar comercio e hostalería local.