O Centro de Extensión Universitaria e Divulgación Ambiental de Galicia (CEIDA) acaba de poñer en marcha un programa de voluntariado ambiental dirixido a toda a cidadanía para a erradicación de especies exóticas invasoras no territorio das Reservas de Biosfera galegas. O proxecto forma parte da ‘Campaña para a prevención e control de especies invasoras nas Reservas de Biosfera de Galicia’ que este ano está de desenvolver co apoio da Fundación Biodiversidad, do Ministerio de Agricultura y Pesca, Alimentación y Medio Ambiente.

As especies exóticas invasoras están consideradas na actualidade a segunda causa de perda de biodiversidade a nivel mundial, tras a perda e fragmentación dos hábitats. O actual e crecente proceso de globalización e o elevado tráfico (naval e terrestre, fundamentalmente) entre distintos países e continentes, ten contribuido a aumentar de maneira significativa o fluxo de flora e fauna ao longo de todo o planeta.

No ámbito das Reservas da Biosfera galegas tamén está presente esta problemática, ameazando en moitas ocasións á conservación da biodiversidade existente nestas áreas e, con especial importancia, nos espazos naturais protexidos que configuran a súas zonas núcleo.

Dentro das actividades previstas neste programa de voluntariado ambiental, o CEIDA organizará coa colaboración do concello de Allariz (como órgano xestor da Reserva de Biosfera Área de Allariz) unha xornada para a eliminación do fento de auga ao seu paso polo río Arnoia en Allariz.

O fento de auga (Azolla filiculoides) é un pequeno fento acuático que se estende por diversos ríos das provincias da Coruña, Ourense e Lugo (principalmente na bacía do río Miño). Debido ás densas capas que forma na superficie de ríos e encoros, afecta ao intercambio de osíxeno e á luminosidade das masas de auga, afectando á vexetación mergullada autóctona.

A xornada de voluntariado terá lugar o vindeiro mércores 11 de 12:00 a 14:00 h, sendo posible inscribirse e consultar o programa completo de actividades a través da páxina web do CEIDA:

http://www.ceida.org/gl/educacion-e-divulgacion/programa-de-voluntariado-eliminacion-de-especies-exoticas-invasoras-nas