O xurado do Concurso de Escaparates “Allariz, Escaparate do Nadal”, impulsado polo Concello de Allariz, realizou na xornada do luns 29 de decembro a visita aos escaparates dos establecementos inscritos nesta primeira edición do certame.
En total, 25 establecementos do municipio participaron no concurso, amosando unha alta implicación e creatividade na decoración dos seus escaparates e contribuíndo a crear unha atmosfera festiva e acolledora nas rúas de Allariz durante o Nadal.
O xurado estivo composto por representantes municipais, persoas vinculadas ao ámbito do deseño e tamén por representación veciñal, incorporando así a visión da cidadanía, que é parte fundamental das persoas que desfrutan destes deseños e da ambientación festiva da vila.
Tras a valoración das diferentes propostas, e atendendo aos criterios establecidos nas bases —creatividade, orixinalidade, uso de materiais naturais ou sostibles, harmonía da proposta, espírito do Nadal e capacidade de atraer ao público—, o xurado decidiu conceder o Premio Único do Concurso de Escaparates “Allariz, Escaparate do Nadal” ao establecemento Farmacia Páez.
Ademais, o xurado quixo recoñecer o traballo doutros establecementos mediante a concesión das seguintes mencións especiais:
-
Mención á sostibilidade: Florería de Margarida
-
Mención á creatividade estética: A Mariñeta
-
Mención á coherencia temática: Aira das Letras
-
Mención á orixinalidade: Sneakers Nº2
-
Mención ao escaparate sen escaparate: Administración de Lotería A Meiga
-
Mención ao emprendemento e á iniciativa: Barbería Focus
-
Mención pola súa implicación e aportación á decoración do Nadal: Comerciantes da rúa Castelao
Desde o Concello de Allariz destácase que esta iniciativa nace coa vontade de poñer en valor o traballo que o comercio local realiza cada Nadal, complementando a decoración municipal e reforzando a identidade de Allariz como vila viva, creativa e acolledora nestas datas.
O Concello agradece a participación de todos os establecementos inscritos e felicita tanto ao establecemento gañador como ás persoas e colectivos recoñecidos polas súas propostas.
Establecemento ganador Concurso de Escaparates 2026
Mencións:






