O xardín italiano de Antonio del Buono  acada o primeiro posto nas votacións dos visitantes ao Festival I. de Xardíns de Allariz. Co 20,5% dos votos o xardín “La Memoria Olvidada” é o elixido para permanecer un ano máis no recinto. O segundo lugar, co 20% dos votos, é para o xardín “DNA, Mother of Memory” dos checos Sebastian Loder, Nina Krajčírová e Jiří Martinek. E o terceiro posto, cun 16% dos votos recae no xardín brasileiro “Conecta” de Fabio Azevedo da Silveira e Ananda Prata Silveira.

Ademais de desvelar a decisión do público, o alcalde Francisco García fixo balance económico da oitava edición “unha das edicións máis visitadas e valoradas polo público” Estímase que visitaron o Festival ao redor de 40.000 persoas que deixaron uns ingresos de máis de 31.000 euros

As cifras mostran o avance do FIXA que se converteu nun referente para o mundo da empresa do paisaxismo.  A asemblea anual de AGAEXAR, a Asociación de Arboricultura, a Asociación Galega de Apicultura ou outras relacionadas co turismo como Garden Tours ou Bomarzo son parte dos exemplos de que o Festival de Xardíns, ademais de ser un dos principais atractivos turísticos da localidade, é un motor económico de referencia para o sector.

“O Erotismo no Xardín”

O FIXA está a recibir novos deseños para o vindeiro concurso, aínda que ata o día 30 o prazo continúa aberto para recibir as propostas para o vindeiro ano baixo o lema “o Erotismo no Xardín”.

Toda a información en http://www.allariz.gal/festival/concurso-2018/