A empresa alaricana Xeitura, de xestión do patrimonio cultural, en colaboración co Concello de Allariz presentou, esta mañá, unha nova actividade familiar prevista para os meses de marzo, abril e maio.

A proposta “Pequenos exploradores” busca compartir en familia ao tempo que se practica deporte no medio natural de Allariz, dando a coñecer e poñendo en valor os diferentes lugares patrimoniais a través de xogos naturais, a historia e a lenda.

As rutas van dirixidas a familias con nenos e nenas de 5 anos en adiante. “Trátase dun ciclo de andainas familiares que implican unha actividade saudable lúdica e natural asociadas a unha lenda e a un obradoiro para os máis pequenos/as” explicaba Manuel Gallego, representante de Xeitura.

Descubrindo o río Arnoia, a ruta arqueolóxica de Armea e O Rexo pasando polos petróglifos de Cerdeira, son as tres rutas organizadas onde as persoas participantes coñecerán a lenda do Xigante de Magarelos, a de Santa Mariña de Augas Santas e o home lobo de Allariz. Ademais os nenos e nenas poderán gozar de varios obradoiros como a creación de asubíos con carrabouxos, un guerreiro de landras ou debuxar calcos dos petróglifos.

A primeira ruta familiar terá lugar o vindeiro 31 de marzo ás 11:00h. As seguintes serán o 28 de abril e o 12 de maio.

Información e inscricións: contacto@xeitura.com  – 609 474 976 – Oficina de Información Turística de Allariz.