O Concello de Allariz organiza durante o mes de setembro as Xornadas para Repensar a Corresponsabilidade, un ciclo de actividades que busca fomentar o diálogo e a reflexión en torno á corresponsabilidade nos coidados, a crianza e as relacións de poder. Estas xornadas terán lugar no Fogar das Maiores, situado no Campo da Barreira 3, 2º andar.
Datas e horarios:
- Mércores 11, 18 e 25 de setembro de 18:30 a 20:30 h.
- Sábado 28 de setembro de 11:00 a 14:00 h.
As sesións desenvolveranse a través dunha serie de obradoiros participativos que abordarán diferentes aspectos da corresponsabilidade:
- Obradoiro 01: “Poñer a proba: referentes, mandatos e roles”
- Obradoiro 02: “Tocar o tema: crianza e relacións de poder”
- Obradoiro 03: “Dobre mirada? Coidados compartidos vs corresponsabilidade”
- Obradoiro 04: “Tremenda merenda: fanzine e arte colectiva”
Os módulos son independentes, polo que as persoas interesadas poderán asistir aos que mellor se adapten ás súas necesidades e dispoñibilidade.
O evento está dirixido a todas as persoas interesadas en reflexionar sobre como compartir as responsabilidades dos coidados e contribuír a unha sociedade máis xusta e igualitaria.
Ademais, ofrecerase un servizo de canguraxe para facilitar a participación de quen o necesite. Este servizo debe solicitarse no momento da inscrición.
Inscrición e contacto:
- Teléfonos: 988 55 40 59 / 683 61 46 91
- Correo electrónico: fogardosmaiores@allariz.gal
Esta iniciativa, coordinada dende a Área de Benestar Social do Concello de Allariz está deseñada para fomentar unha sociedade máis corresponsable, igualitaria e equitativa nos coidados.