O Concello de Allariz considera inaceptable a desaparición das liñas do transporte público que unían as parroquias con Allariz así como a redución dos servizos da liña Allariz-Ourense e Ourense-Allariz.

O Concello de Allariz vén insistindo, a través da Xefa Territorial da Xunta de Galiza, na necesidade de manter os servizos existentes que permitían que os veciños das parroquias puidesen gozar dun servizo público de transporte pioneiro en Galicia dende o 1993 e que garantía a posibilidade de acceder á capitalidade do concello para realizar calquera tipo de xestión administrativa.

Os veciños e veciñas teñen trasladado ao concello as queixas por esta situación caótica na que os novos concesionarios do transporte do concurso efectuado pola Xunta de Galiza deixaron de prestar  e que existían con anterioridade.

As novas liñas carecen de todo fundamento. Sirva como exemplo a denominada liña Allariz-Casnaloba, nun suposto traxecto que non conleva servizo algún para os veciños das parroquias de Allariz.  Estas son liñas de hai máis de 50 anos que carecen de fundamento e funcionalidade na actualidade e non dan resposta as necesidades actuais.

Así mesmo, traballadores, funcionarios, estudantes ou veciños que necesitan comunicación de transporte público con Ourense e de Ourense con Allariz ven reducida a frecuencia e mesmo os horarios para os que algún destes colectivos o servizo é imprescindible para chegar aos seus traballos, así como o mantemento da relación de paradas habituais na cidade que permitían unha correcta funcionalidade do servizo.

Por estas razóns o Concello de Allariz reclama que se manteña a posibilidade de utilizar o transporte público e a comunicación de Allariz con Ourense e de Ourense con Allariz mediante unha frecuencia acaída de servizos para estas actividades.

O Concello de Allariz agarda que esta petición, trasladada á Xunta de Galiza, se poda materializar e ao mesmo tempo o Concello manterá o apoio ás reclamacións dos veciños ata que o servizo sexa recuperado.