O Xurado do Festival Internacional de Xardíns de Allariz reuniuse, esta mañá, para seleccionar os 10 xardíns que formarán parte da oitava edición do Festival Internacional de Xardíns de Allariz adicado aos Xardíns da Memoria.

O xurado, presidido polo prestixioso paisaxista portugués, Francisco Caldeira Cabral, e composto por Francisco García, Alcalde de Allariz, Bernardo Varela, Concelleiro de Medio Ambiente, Celestino Feijóo, aparellador municipal, Estela Iglesias, técnica de Turismo,  e os paisaxistas Elsa Severino, Antonio Sopesens (representante da Asociación Española de Paisajismo), Teresa Vicente Franqueira e Zoa Martínez da Asociación de Graduados en Paisaxismo, elixiu 10 xardíns dos 42 propostos baixo o tema “Xardíns da Memoria”.

O recinto está formado por 12 xardíns. Unha das parecelas estará ocupada polo gañador da pasada edición “Terraformación” do galego José Souto e outra pola proposta didáctica que elaborará o Colexio Padre Feijóo de Allariz .

As propostas seleccionadas seguiron criterios obxectivos, segundo explicaba o presidente do xurado Caldeira Cabral “harmonía entre criterios estéticos e técnicos, creatividade e innovación ademais da forma práctica de executar os xardíns”. Foi Cabral o encargado de desvelar os xardíns que formarán parte do VIII FIXA:

acta-xuradofixa-17_pagina_1

O Alcalde pola súa parte agradecía o traballo e esforzo que realizaron todas as persoas que presentaron a súa proposta destacando a calidade dos proxectos e a participación de paisaxistas internacionais.

Ata mediados de xaneiro os autores seleccionados deberán entregar o proxecto técnico, mentres a brigada municipal encargarase da desmontaxe dos xardíns actuais para que no vindeiro ano estea todo listo para comezar coa execución dos novos proxectos. O alcalde adiantaba que a data de apertura do IX F.I.X.A. será o 13 de maio.

TEMA IX EDICIÓN

A novena edición do Festival de Xardíns de Allariz levará por título “Erotismo no xardín“.Ata o 30 de novembro de 2017 estará aberto o prazo para presentar as novas candidaturas para o ano 2018.