O pleno da corporación municipal reunirase este venres, día 16 de marzo, en sesión extraordinaria. A partir das 20:00h debateranse os puntos acordados na orde do día. Entre eles debaterase a aprobación da liquidación da conta xeral 2017 e o convenio urbanístico que contempla a construción dun novo auditorio.

A liquidación do orzamento 2017 arroxa un resultado positivo que ascende a 302.035€ resultante da diferenza entre os  5.720.527€ de ingresos e 5.418.492€ de gastos.

A diferenza positiva entre ingresos e gastos permitiu ao Concello de Allariz acometer o plan de inversións con obras como a urbanización do Arnado e a pasarela de Vilanova, a mellora de servizos como o alumeado público en Chorente e na Estrada de Xunqueira, a eliminación da fosa séptica en Roimelo, a renovación da fonte de Roiriz ou a celebración de eventos como o Festival Internacional de Xardíns ou as escavacións en Armea e San Salvador, entre outros. Ademais durante o 2017 amortizouse a débeda en 355.000€ a longo prazo e en 125.000 en pólizas de créditos, situando a esta por debaixo do 73% dos ingresos ordinarios, como a lei obriga.

O pleno debaterá, ademais, o convenio urbanístico da futura construción dun espazo multiusos que permitirá reforzar a oferta cultural de Allariz na celebración de eventos como representacións teatrais, concertos ou mesmo feiras de dinamización económica.  Ademais este novo espazo albergaría as aulas de ensinanza musical municipal e a Escola da Banda de Música.

Este auditorio localizarase na área de reparto 122 situado ao lado do Monte Xardín, por ser esta unha zona céntrica, próxima ao pavillón do Instituto.

O convenio recoñece unha serie de obrigas como a redacción do proxecto de urbanización que, ademais do edificio multiusos, contempla a urbanización de arredor de 3.000 metros cadrados cos seus correspondentes viais e zonas libres.

Esta actuación responde á necesidade do Concello de Allariz dun espazo coordinado que responda á demanda de eventos que se celebran anualmente en Allariz.