Allariz e Vilar de Santos, xunto cos concellos de A Bola e Rairiz de Veiga, que conforman a Reserva da Biosfera Área de Allariz, crean un centro e novas rutas para bicicletas todo terreo (BTT). Cen quilómetros de percorrido, de diferente lonxitude e grao de dificultade, serán acondicionados e sinalizados formando un total de seis itinerarios circulares.

Esta actuación, que conta cun orzamento de 49.000 euros e unha subvención do 65% da Xunta de Galicia, inclúe o acondicionamento de dous puntos de acollida con servizos para os deportistas e de información sobre as rutas situados nas instalacións do cámping Os Invernadeiros de Allariz e xunto ao centro social de Vilar de Santos.