A Oficina Municipal de Turismo do Concello de Allariz atendeu ata o pasado 15 de outubro un total de 30.650 consultas doutras tantas persoas que se achegaron ata a nosa oficina localizada no principio do Paseo da Alameda en Allariz.

Deste número, o 93% procedían do Estado e o resto, un 7% eran internacionais. De novo, como vén sendo habitual, a gran maioría das persoas que nos visitan en Allariz son de procedencia nacional, coa seguinte distribución nas súas orixes: Madrid, Cataluña, Andalucía, País Vasco e por suposto de Galicia, entre outras. Pola súa banda os turistas internacionais proceden de Portugal, Francia e América do Sur, principalmente.

Segundo nos explicaba María López, concelleira de Promoción Económica, Comercio e Turismo, os datos da Oficina Municipal de Turismo evidencian como os turistas, seguen apostando por visitar Allariz e gozar da nosa contorna así coma das actividades programadas para complementar a oferta.

Estes datos recollidos na Oficina de Información,son soamente unha porcentaxe das visitas que Allariz recibiu durante esta tempada.

En canto a outro recurso fundamental para a tempada en Allariz, coma é o Festival Internacional de Xardíns de Allariz, ata o mes de agosto levaba máis de 35.000 visitas.

Pasados os eventos do mes de setembro, Allariz entrará na recta final do ano, retomando eventos tan importantes como son o Allariz de Medo, a Feira de Outono e a xa coñecida e orixinal campaña de Nadal a partir do día 1 de decembro.

Estes datos reflicten a atracción de Allariz cara ao visitante organizando eventos para a poboación local e con gran poder de chamamento, co obxectivo de desestacionalizar e tentar facer que a chegada de visitantes sexa o máis sostible posible e equilibrada para xerar actividade económica no territorio alongando a tempada estival.